![]() |
| Pleno Moción EU peche Reganosa |
Ao pé, AUDIOS das intervención no Pleno
A maioría da corporación ferrolá dálle ás costas á Vida, á Ría e á Legalidade no caso de Reganosa.
Ás dez da mañá, comezou o pleno do Concello de Ferrol, que incluía na orden do dia unha moción do grupo Municipal de Esquerda Unida, onde se solicitaba instar ao Parlamento galego a abrir unha Comisión de Investigación sobre Reganosa, e ás institución competentes a cumprir a Sentenza do Tribunal Supremo. Ademais, facendo uso do Regulamento de Participación Cidadá, e a solicitude da organización ADEGA, a compañeira Lupe Ces en nome do Comité Cidadá de Emerxencia puido facer uso da palabra no Pleno para argumentar as razóns da súa loita e pedir o voto para a moción presentada por Esquerda Unida.
A celebración do Pleno antecedeulle un comunicado da Executiva Local do PSOE, onde se afirmaba a súa vontade de solicitar a paralización cautelar da actividade da Planta de Reganosa. Feito este que anunciaba unha rectificación, polo tanto unha nova etapa nesta formación política en canto a postura mantida até o momento.
As explicacións do voto dos distintos grupos, volveron a evidenciar as complicidades que se manteñen cunha instalación perigosa, innecesaria e ilegal. O grupo municipal do PSOE, apoiou a creación dunha comisión de investigación, pero manifestouse en contra do feche da planta, cun discurso da súa portavoz, onde reproduciu un a un os argumentos propagandísticos de Reganosa sobre os hospitais e empresas aos que subministra gas. Argumentación invalidada polos propios números do sistema gasístico. Argumentación que pecha os ollos ante a realidade da burbulla enerxética da que Reganosa fai parte. Unha burbulla que leva a que, mentres na totalidade do territorio da Union Europea existen 14 plantas de gas, no estado español existen un total de 8 plantas!
O grupo municipal do BNG, manifestou o seu apoio á creación dunha comisión de investigación, pero pretendeu que EU cambiara a redacción do texto referido ao “cumprimento da sentenza”, sustituindoo polo do “cumprimento estrito da legalidade”, nun intento de xustificar a modificación do PXOM de Mugardos, aprobada pola Xunta, na crenza de que esa modificación anula unha sentenza que é irrecorrible, e que non caduca.
Por tres veces, o representante do BNG, afirmou que foran a única organización que presentou alegacións contra a instalación de Reganosa. O que segue sen explicar o BNG é porque cambiou de opinión. Como é que de presentar alegacións no ano 2001, se pasa a unha defensa dunha instalación perigosa, ilegal, e manifestamente innecesaria para Galiza. Cambio que levou á dimisión de dous concelleir@s do BNG e un do PSOE, e que, mesmo sendo integrante do Goberno Bipartito, co conselleiro Fernando Branco, responsable de Industria, continuouse cos recursos interpostos pola Xunta de Fraga Iribarne contra as sentenzas do TSXG, e se recorreu esta terceira sentenza que agora é ratificada polo Supremo. Tampouco se explica as iniciativas do alcalde do BNG en Mugardos. A última, aínda despois de coñecida a sentenza, intentando esquivala, cunha nova modificación do PXOM, que pode incorrer nun delito de prevaricación.
O edil de Independentes por Ferrol, mantivo o seu criterio de oposición á instalación de Reganosa dentro da Ria, e o PP nunha breve exposición de motivos, votou en contra da moción.
Aínda que a moción foi desestimada, Esquerda Unida anunciou novas iniciativas no Parlamento Español a través do grupo da Esquerda Plural. O Comité Cidadán de Emerxencia, non vai ficar parado ata que se cumpra esta sentenza, que ven darlle a razón despois de anos de loita nun proceso que arrastra, corrupción política, enriquecemento indebido, conivencia das forzas políticas cos grandes grupos empresariais e un alto nivel de risco para a vida de mais de 100.000 persoas nesta comarca e contra a riqueza da nosa Ría.
Intervencións no Pleno:


![Cartaz A3 Cor - 2012 Marcha Mugardos [20 de Xullo] Campo dos Carneiros](http://cociudem.files.wordpress.com/2012/07/cartaz-a3-cor-2012-marcha-mugardos-20-de-xullo-campo-dos-carneiros.jpg?w=380&h=269)