Manipulación e Belas Artes (artigo de Méndez Ferrín)

Artigo de X.L. Méndez Ferrín publicado o 15-10-2007 no diario “La Opinión de A Coruña”

Hai unha semana lía no grande xornal madrileñista de Arteixo unha noticia de oito ou dez liñas nas que se daba conta de que un barco gaseiro entrara na ría de Ferrol para despachar a súa mercadoría na planta de Mugardos e que, en consecuencia, trescentas persoas, ben contadas ao parecer polo corresponsal anónimo, nin unha máis nin unha menos, se manifestaron contra tal tránsito e contra tal actividade insalubre e perigosa para a seguridade dos seres humanos. Estas poucas liñas facían mención lacónica de que un grupo de veciños (non mencionaba o protagonismo dos de Meá ou Mehá) leva 76 días de encerramento na casa do concello de Mugardos en protesta contra a emprazamento da planta regasificadora do, ao parecer todopoderoso, señor Tojeiro dentro da Ría. Parco pero certo. Ora si, no mesmo número do mesmo xornal coruñés de que falamos, vimos que a información de poucas liñas sobre a planta de Reganosa viña seguida de oito ou dez páxinas completas, entre as cales unha de publicidade aberta da citada Reganosa , pre-enchidas de brillante prosa e brillante despregue fotográfico sobre a candidatura da parte dazaoitesca de Ferrol á condición de Patrimonio da Humanidade, que é cousa que nunca certei a saber en que consista. (Deixemos, por hoxe, sen considerar o desprezo que os políticos de Ferrol demostran, desde sempre, polo seu casco histórico medieval, máis ben invilecido, e que só teñan ollos para o Ferrol militar borbónico e producto do Despotismo Ilustrado).

Tamén eu gosto do Ferrol do século XVIII, home non. Pro iso non me impide observar que o xornal de que falamos utilizou a imaxe e o esplendor da enxeñaría e a arquitectura neoclásica emanada da razón cesarista borbónica para ocultar que o medio ambiente, a salubridade e a vida das persoas están ameazadas realmente pola planta regasificadora de Reganosa dentro da Ría cando onda no Prioiriño Pequeno (o de “Chico” vén do Ministerio da Mariña, Madrid tamén) hai sitio dabondo para a súa instalación. A beleza, a proporción, a severidade, a grandeza do espírito militar neoclásico constituiron no seu día atributos a un tempo utilitarios e belos, por non dicer funcionais, dunha cidade-enclave estretéxico do Despotismo absolutista. Hoxe, ese Ferrol de pedra clasicista está a servir como pantalla de distracción destinada a ocultar o Ferrol e os núcleos de poboación da ría que leva o seu nome onde que viven seres humanos que se sinten ameazados por unha fábrica de gas que pode ocasionar unha catástrofe. Se eu fose profesor de xornalismo, sen dúbida daría unha clase práctica sobre manipulación da opinión baseándome nas páxinas do xornal que provocaron esta columna. A Historia da Arte ao servizo da ocultación da realidade, titularíase a lección.

Lean o libro Muros de silencio. Corrupción e ameaza na Ría de Ferrol, por Enrique Barrera Beitia e Manuel Ángel Rodríguez Carballeira. Procúrenno na Asociación Cultural Fuco Buxán de Ferrol porque é duro de o atopar por aí xa que, dalgunha maneira, é un libro prohibido polo poder realmente existente. Demasiados intereses políticos e económicos pesan sobre o asunto da gaseira de Mugardos. De momento, a colusión entre PP, PSOE e BNG coincide en todo co espírito demostrado no Hórreo por estas tres forzas para designar un Valedor do Pobo de quen imos ter que velarnos.

Advertisements
Explore posts in the same categories: Noticias / Novas

Etiquetas:

You can comment below, or link to this permanent URL from your own site.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: