8 de xuño: Gran Manifestación en Ferrol

Hoxe 8 de xuño, duas mil persoas, convocadas polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, percorreron en manifestación as rúas dá nosa cidade, desde o Peirao de Curuxeiras ata o Concello, onde esperaban os compañeiros e compañeiras pechados, rexeitando con esta movilización, unha vez máis, a ilegal ubicación da Planta de Gas no interior da nosa Ría e as novas ameazas engadidas de levarse a cabo as pretensións de Reganosa.
 

 

 

E isto sucede nun momento en que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dinamita os cimentos nos que se sustenta Reganosa cunha nova sentenza que dictamina que a modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Mugardos para construír a Planta é ilegal.
 

 

Ao término da manifestación interveu o Coordinador do CCE Manuel Rodríguez Carballeira, que agradeceu o apoio e solidariedade e a presenza aquí de representantes de numerosas Asociacións integradas na Rede Galicia non véndese. Rafael Pillado membro do CCE falou en nome dos compañeiros e compañeiras encerrados no Concello desde o pasado martes, explicando o emprazamento feito á Corporación para que rexeite de forma clara a ubicación da Planta, e comunicando o fin do peche. Montserrat Garel, en nome do CCE, deu lectura ao seguinte Manifesto:

“Unha vez mais o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convocavos hoxe aquí para celebrarmos o Día Mundial do Medioambiente rexeitando a ubicación da Planta de Gas dentro da Ría, a mais de advertirvos das novas ameazas que a súa ilegal producción ten para a cidadanía e para a Ría.

Nesta ubicación, dentro da Ría, se se produce un accidente, non existen nin medios materiais, nin técnicos, nin plans de emerxencia capaces de evitar unha enorme traxedia.

En instalacións perigosas como Reganosa, que ademais está construída ao lado do complexo petroquímico, “Forestal del Atlántico”, un accidente terá un desenlace de morte e devastación.

Desgraciadamente hai evidencias, mais que suficientes, de que a pesares das estrictas medidas de seguridade, un accidente pódese producir en calquera momento, polo que a única seguridade posible para a poboación e o medioambiente é a distancia suficiente a instalación.

A Planta de Gas de Reganosa sostense nun cúmulo de irregularidades e ilegalidades, amparadas pola conivencia política do goberno Fraga, Aznar e do bipartito PSOE-BNG e axudada por determinados mercenarios mediáticos que poñen en práctica principios propagandísticos nazis dunha mentira mil veces repetida convírtese nunha verdade.

 

 

Pero Reganosa a pesares de que está funcionando e de que ten moitos permisos, segue a ser ilegal e non cumpre coa normativa esixida a este tipo de instalacións. É ilegal porque non foi avaliada medioambientalmente, temos dúas sentenzas favorables do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que así o demostran. É ilegal porque o Concello de Mugardos modificou irregularmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal para construír Reganosa, tal e como acaba de dictaminar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nunha nova sentencia favorable ¡e xa van tres!. E é ilegal, porque non ten acreditados os condicionados da súas autorizacións, pois dentro da Ría é imposible que Reganosa poida demostrar que:

          está a unha distancia suficiente da poboación, como ordena o artigo 12 da Directiva Seveso II,

          que os gaseros, en caso de emerxencia, poden saír ao mar aberto polos seus propios medios, segundo require a norma EN-1532,

          o efecto dominó que prevé o RD 1254/99, non se tivo en conta que a Planta fíxose adosada a un complexo petroquímico, o que magnificaría enormemente as consecuencias dun accidente na Planta ou no complexo petroquímico.   

Queremos advertiros de que a fraudulenta entrada en funcionamiento de Reganosa e a ambición dos seus propietarios sométenos a novas ameazas: 

– Reganosa quere ampliar a súa capacidade de regasificación porque a marxe de beneficio das empresas gasísticas baixouna o Goberno en decembro do 2006. Esta ampliación terá como consecuencias o verquido e uso de 600.000 m3 diarios de auga da Ría e a entrada e saída de dous gaseros a semana. Esta ampliación segue a respoder á insensatez de Reganosa, xa que só está producindo ao 47% da súa capacidade, aínda así ten que mandar a metade desta producción fora de Galiza, porque aquí non hai necesidade dese consumo. E ese gas que manda fora, só representa o 6% do total que se consume en España. É evidente que a Planta de Gas de Reganosa nin é estratéxica nin é viable.

– O feito de transportar polas estradas galegas camións cisternas de 20 toneladas, que equivalen a 1.600 bombonas, constitúe unha mostra mais da impunidade coa que actúa Reganosa, sometendo a un enorme perigo a poboación galega, nun alarde propagandístico de exaltación da súa viabilidade.

– A Autoridade Portuaria ten aprobado o dinamitado da canle de entrada a Ría coa única intención de favorecer o tránsito dos gaseros que abastecen a Planta de Reganosa. Intención feita pública, polo seu presidente, D. Amable Dopico, nunha TV local o pasado ano.

Con este dinamitado non van garantir a saída ao mar dos gaseros polos seus propios medios, en caso dunha emerxencia. De levarse a cabo, cos cartos públicos, que son de todos nós, este dinamitado degradaría aínda mais a Ría e terá consecuencias negativas para os Castelos e o banco marisqueiro, do que viven 600 familias, e fará desaparecer parte dun Lugar de Interese Comunitario, que está protexido e que é ilegal intervir nel . Acción que só se pode calificar de fraude, cando vai entrar en funcionamento o Porto Exterior, pois a razón da súa construcción non foi outra que a de liberar, do interior da Ría, os tráficos nocivos e perigosos e albergar a Planta de Gas. 

Non nos cansaremos de repetir que Reganosa é o maior escándalo de corrupción político-económico-mediático da democracia, que hai probas mais que suficientes da súa nepótica financiación e construcción, para que a Fiscalía actúe de oficio, como así se fixo noutras comunidades do Estado, con menos motivos. Tamén solicitarlle ao Tribunal Supremo que se pronuncie, pois levamos anos esperando que execute as sentenzas dictaminadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Cando xa no ano 1999 comezamos a mobilizarnos e a denunciar a corrupción de Reganosa, sabíamos que non ía ser fácil, que sería unha loita longa, desigual, que pasaríamos por momentos difíciles, que poderían autorizala e nos sentiríamos desanimados, desmovilizados, decepcionados. Sabíamos que adquiríamos un compromiso vital na defensa da Vida, da Ría e da Legalidade, como así demostrárono, ate o seu último alento, o noso Presidente, José Gabeiras; o noso coordinador, Carmelo Teixeiro; e o creador do noso Símbolo, Tino Deibe. E nestes días cunha xenerosa entrega os compañeiros que estiveron pechados na casa do Concello de Ferrol, reclamándolle ao Sr. Alcalde, D. Vicente Irisarri, o dereito a ser defendidos, porque ten a obriga de velar e garantir á nosa seguridade e de representarnos, como alcalde que tamén é de todos nós.

Malia tamén sabíamos e éramos conscientes de que a nosa denuncia constante e a nosa resistencia ao longo dos anos sería decisiva para que a Planta de Gas sexa expulsada da Ría, como vai ser Ence da Ría de Pontevedra.

Mais o Comité non é quen sen o voso apoio. Por eso é necesario tamén que a cidadanía de Ferrolterra tome conciencia e se comprometa a actuar con mais vontade que nunca para que se paralice a actividade de Reganosa. Non nos fagamos cómplices da alienación que provoca Reganosa na comarca, reaccionade xa e sexamos donos das nosas vidas e protagonistas da nosa comunidade, porque non debemos claudicar na nosa defensa, xa que a única bandeira que nos move e a da vida e a xustiza, para nós e a nosa Ría.

Aínda estamos a tempo de evitar unha traxedia. Nunca é tarde para que unha decisión administrativa, política ou xudicial restaure a legalidade e paralice a Reganosa.

 

Advertisements
Explore posts in the same categories: Comunicados Comité Cidadán

Etiquetas: , , ,

You can comment below, or link to this permanent URL from your own site.

One Comment o “8 de xuño: Gran Manifestación en Ferrol”

  1. Ferruxeiro Says:

    Ollo o BNG de Ferrol xa está a comezar a súa campaña de apoio e promoción da ENCE nunha das localidades da comarca de ferrolterra. No Diario de Ferrol de hoxe dez de xuño, o Responsábel Comarcal do BNG, Manuel López Foxo, fixaba nun artigo de opinion a postura do Bloque. Nas súas palabras o debate sobre o traslado de ENCE é desenfocado e esteril. E se deberia agardar caladiños a que a empresa faga a sua proposta. Está seguindo a mesma pauta de comportamento que con REGANOSA: defender o proxecto coma estratexico e acalar as voces internas que, coma a do Bloque de Pontedeume, xa se manifestaron timidamente en contra da ubicación da pasteira nas Pontes. Por que quere o máximo responsabel do bng na comarca que non se fale do tema? Por que descalifica a aqueles que queren abrir o debate e denunciar os intereses puramente economicos que se agochamn detras dos proxectos empresarias, como o de REGANOSA, que agora atopan no BNG os seus maiores defensores. Que digan dunha vez con quen están: ou cos do mercado ou cos da feira. Non se pode estar defendendo a REGANOSA e logo querer representar ao pobo galego…


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: