O CCE no Foro Social Galego

fsg3085447848_ba39996a39_ofsg23086925858_f6f95191acfsgcartz3075150462_b1e09e5ab2_o

 

 

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, está a participar no Foro Social Galego, que celebrase en Santiago, estes 5, 6 e 7 de Decembro.

 

Enlace a web do F.S.G. coa información dos debates.

 

Hoxe sábado día 6, na Facultade de Filoloxía, e dentro da Comisión Galiza: Territorio, Enerxía, Seguridade, Movilización Social, os compañeiros do C.C.E. : Manuel Rodríguez Carballeira, Luz Marina Torrente, Manuel Afonso Amorín, Carlos Alvarez e Humberto Fidalgo, presentaron a ponencia:

O Caso Reganosa

¿Cómo xurde Reganosa?, ¿Por qué a ubicación no interior da Ría?

 

A principios da década dos 90, o Goberno Central decidiu instalar a Planta de Gas en Caneliñas (Cabo Prioriño), no litoral exterior da Ría de Ferrol, tras un estudio -ano 1994-  de 34 posibles emprazamentos da costa galega e asturiana, feito pola empresa norteamericana Mw Kellog, no que precisamente se descartaba a ubicación no interior da Ría por “non reunir as condicións de illamento e seguridade que se requiren para este tipo de Plantas”.

A mediados desa mesma década proxectase o Porto Exterior de Ferrol, co fin de  albergar os tráficos nocivos e perigosos, (carbón, chatarra, gas etc.), que liberarían o interior da Ría. A súa viabilidade económica baseábase en dispor dos tráficos de carbón de Endesa e do Gas.

 

 

No ano 1997, o Goberno Central privatiza Enagas, e ésta cancela o proxecto de Planta de Gas no Porto Exterior, a pesares de que tiña xa aprobada a Declaración de Impacto Ambiental, e o lugar previsto gozaba do consenso social e político da comarca.  Esta circunstancia foi  aproveitada polo Sr. Tojeiro, co apoio de Fraga, para promover a construcción dunha planta de gas dentro da Ría de Ferrol, a carón do complexo petroquímico da súa propiedade, “ Forestal del Atlántico” e cuxa concesión marítimo terrestre caduca no ano 2017. Este acordo se substancia  no convenio asinado  entre Fraga e os socios de Reganosa en xullo do 2001. Nel se recolle en cláusula confidencial, o compromiso da Xunta coa ubicación e a resolución dos “problemas de viabilidade económica ou administrativa” que tivese Reganosa. Como se comprobou mais tarde coa ubicación en Punta Promontoiro, o Sr.Tojeiro non só pretendía dotarse dun paraugas para prorrogar a concesión de Forestal do Atlántico, senón que con esta operación acadou uns recursos que superan os 5.000 millóns das antigas ptas. como veremos mais adiante

 

 Territorio

A  Area de Punta Promontoiro onde se ubica a Planta de Reganosa estaba avaliada como chan especialmente protexido no PXOM de Mugardos, unha área con importantes xacementos romanos, Caldoval, Santa Lucia, Noville, así como o Castro de Mehá. A recalificación do chan levada a cabo polo Concello para poder albergar a Planta foi anulada pola sentenza, 00311/20089, dictada polo TSXG o 22 de Abril de 2008. Así mesmo en dúas sentenzas anteriores, a 536/2004 do 23 de Xuño e a 606/2006 do 27 de Xuño o TSXG anulou a Declaración de Efectos Ambientales, DIA-11 de Xuño de 2001, tramitada pola Xunta, dito Tribunal esixe a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) para este tipo de instalacións. Anexos a Punta Promontoiro se encontran os bancos marisqueiros de A Barca, Noville e Sta. Lucia, ricos en ameixa.

Para acadar os seus propósitos o Grupo Tojeiro principal beneficiario da barbaridade de Reganosa, establece xunto con Fraga unha estratexia que consiste en ocultar os seus obxectivos durante un tempo, atomizar o  proxecto, co fin de sorprender a opinión pública para que non se fixera unha composición da súa envergadura e tamén facilitar á Administración o sortear a lei.

            Entre os anos 1999-2000 leva a cabo un recheo na Ría de máis de 122.000 m2. A petición realizada no 1997 por Forestal del Atlántico para rechear 59.950 m2, estaba xustificada pola  necesidade de ampliación do porto, ante o incremento dos fletes. A Declaración de Impacto Ambiental (1998) recolle un máximo admisible de 90.000 m2. Ademais, no recheo foron enterrados os residuos da actividade de deslastre en vez de envíalos a Planta de Somozas. Efectuouse un dragado de -250.000 m3 de áridos extraídos- e un aumento de calado non contemplados no proxecto básico da concesión(14/05/97), nin na Declaración de Impacto Ambiental. Así, a lei de costas e vulnerada olimpicamente e unha vez rematado  o recheo, se anuncia a ubicación da planta de gas.

Un exemplo de esta estratexia constante de ocultación e engano o constitúe o sistema de regasificación. O proxecto inicial plantea un sistema de circuíto cerrado, sen utilizar auga da Ría pero unha vez  conseguida á autorización, implantan  outro “mais económico”, un sistema de vaporizadores que usa auga do mar, de tal xeito que nunha 1ª fase prevé a esterilización (morte das larvas, ovos, especies, placton, rotura da cadea trófica) a base de hipoclorito de 13.200m3 /h e nunha 2ª fase 26.000m3/h que unha vez esterilizada e devolta á Ría con unha reducción da súa temperatura de 6ºC.

Os efectos perniciosos dos recheos, dos verquidos químicos de Forestal e agora do sistema de regasificación non só afectan directamente aos bancos marisqueiros de Sta. Lucia, A Barca e Noville (ricos en ameixa), anexos a Punta Promontoiro, senón ao conxunto dun ecosistema como o da Ría de Ferrol. Unha Ría pechada que comunica co Océano a través dunha  canle estreita de 4,5Km.de lonxitude, e polo tanto a renovación das augas é mais lenta que noutras Rías. Non é casual a baixada das capturas por parte dos mariscadores que ven ameazado o seu futuro, a segunda empresa de Ferrolterra (700 traballadores), ou que dende 1995 esté prohibido a captura da vieira por culpa da toxina amnésica que prolifera nun medio axeitado (verquidos químicos e domésticos ) pola desidia das Administracións ao longo de tantos anos.

Unha das novas ameazas  dos promotores de Reganosa é o anuncio da Autoridade Portuaria de Ferrol-S.Ciprián de dragar o canle de entrada da Ría, cuxos fondos submarinos están clasificados como Lugar de Interés Comunitario(LIC) e dispoñen dunha protección Integral, por encontrarse integrados na Rede Natura. Esta operación só pode levarse a cabo dinamitando os fondos rochosos, poñendo  en perigo aos Castelos de A Palma e S. Felipe. Estando o  Porto Exterior  operativo, destinar recursos públicos para beneficiar a imaxe de seguridade que  quere proxectar Reganosa, raiaría na prevaricación.

A concesión que ten o complexo de Forestal del Atlántico para o seu funcionamento remata no ano 2017, aquí radica unha das razóns do interés do Grupo Tojeiro para reubicar no interior da Ría a Planta de Gas, ao obxecto que lle sirva de paraugas para unha posible ampliazón da concesión.

A Ría de Ferrol atópase nun estado delicado a resultas dun modelo de desenvolvemento insostible, de anos de inoperancia política das diferentes Administracións Públicas. No ano 1997 publicouse un libro, cuxo autor Enrique Pernas foi prologado polo entón Conselleiro de Pesca do PP, Sr. Landín, e  planteaba á necesidade de sacrificar a Ría de Ferrol.

Este parece ser o destino que lle teñen asignado dende a Xunta de Galicia á Ría de Ferrol, si ben a responsabilidade da Xunta do PP para que o proxecto Reganosa saíra adiante  foi substancial, non é menos certo que o Goberno do Bipartito non só xustificou a autorización definitiva, senón que  avala a ampliazón de Reganosa e recorreu ao Supremo as sentenzas gañadas polo Comité Cidadán de Emerxencia no TSXG.

A Planta de Reganosa, constitúe a maior agresión medioambiental perpetrada nesta Comunidade ao longo destes últimos anos, dende a súa entrada en funcionamento en maio de 2007 converteuse nunha ameaza real para as vidas de miles de persoas; para a riqueza marisqueira e o emprego; o Patrimonio e o potencial turístico da Ría de Ferrol. A consolidación da planta dentro da Ría, significaría un paso mais no deseño de sacrificar a Ría de Ferrol.

A loita liderada polo CCE contra a planta de Reganosa é unha loita para impedir que se consolide esa perspectiva. A Ría de Ferrol é recuperable, compre impulsar outro modelo de desenvolvemento sustentable (marisqueo, pesca, ocio etc.), mesmamente  a industria naval tradicional. É imprescindible  liberar a Ría en primeiro lugar da Planta, múelle carboeiro, Complexo petroquímico , etc.

 

Seguridade

A planta de gas de Reganosa é unha instalación que consta de dous tanques cun total de 300.000 m3 de Gas Natural Licuado (GNL), equivalente a 150.000 Tons. é dicir 12.000.000 de bombonas de uso doméstico. Está situada no corazón da Ría de Ferrol, en Punta Promontoiro, no Concello de Mugardos. Ao redor da Planta, nun radio de 2000 m viven 7000 persoas, as vivendas mais próximas á planta pertencen ao núcleo de Mehá, están a 90 m da mesma, neste núcleo viven 400 persoas.

A planta de Reganosa supón unha ameaza para a poboación, vulnera e é imposible que poida cumprimentar as distancias suficientes as poboacións e lugares de interés natural ou público, como require o artigo 12 da Directiva 96/82/CE. Tamén incumpre cas distancias mínimas de 2.000 m respecto dos núcleos de poboación previstas no RAMINP en vigor no seu momento.

A Planta de Gas de Reganosa está situada a carón do Complexo Petroquímico de Forestal del Atlántico que almacena mais de 283.000 m3 de combustibles, (fueloil, gasoil, slops) e sustancias químicas (formol, fenol, metanol, sulfato amónico, sosa etc..), o que engade o risco do efecto dominó que prevé o artigo 8 da Directiva 96/82/CE.

A planta de gas de Reganosa se encontra illada do mar aberto por un angosto canle de máis de 4.5 Km de lonxitude e un ancho de 150 m, Por este longo e estreito canle os grandes buques gaseiros só poden transitar con preamar diúrna, sempre que se dean as circunstancias de vento igual ou inferior a 15 nudos, visibilidade superior aos 1.200m e asistidos por remolcadores. Esta realidade física, impide ao gaseiro cargado saír ao mar durante a maior parte do día, e implica que no caso dunha emerxencia, o buque quede pechado dentro da Ría  como nunha ratoeira, ameazando coa súa carga a poboación de Ferrolterra. E dicir estamos diante doutro incumprimento, neste caso da norma UNE-EN1532 que require que os buques gaseiros cargados de GNL poidan, no caso dunha emerxencia saír ao mar aberto rapidamente e polos seus propios medios.

A planta de gas de Reganosa e unha bomba no corazón da Ría de Ferrol que ameaza noite e día a vida da poboación que vivimos en torno a ela. Xa nos anuncian que pretenden ampliar a capacidade de Regasificacion pasando de 322.500 m3 /h de gas regasificado autorizado inicialmente a 825.000m3/H o que entrañaría maior perigo por canto non só aumentaría a regasificación senón tamén a entrada dos gaseiros que pasarían dos 40 a mais de 100 anuais.

A loita impulsada polo Comité Cidadán de Emerxencia ten como obxectivo eliminar esa ameaza, ¡Planta de Gas Fora da Ría¡

 

Enerxía

O anterior Goberno da Xunta para vestir a barbaridade de Reganosa, programou para unha Comunidade como a nosa, excedentaria de enerxía eléctrica, a construcción de 4 ciclos combinados para xustificar o consumo provinte de Reganosa, sen ter en conta a previsión da adaptación das centrais térmicas de As Pontes e Meirama para a utilización de hulla de importación e sen analizar o crecemento exponencial das enerxías renovables.

Os socios de Reganosa para obter o Vº Bº da CNE se comprometeron a adquirir gas para 4 ciclos combinados, Unión Fenosa  a construír dous ciclos en Sabón de 400 MW cada un e Endesa outros dous en As Pontes de 400 MW. Estes ciclos terían unha capacidade total de xeración de electricidade de 1.600MW e precisarían de 1.600 millóns de m3/ano (1.6 bcm/ano) de gas natural. Asimesmo o VºBº da CNE se conseguiu tendo en conta un consumo adicional de 500 millóns de m3/ano de gas natural /(0.5 bcm/ano) por parte do Grupo Tojeiro.

Dos 4 ciclos só 3 están construídos, o compromiso de consumo do agrupo Tojeiro non se mantivo. Os 3 ciclos combinados só estarán a pleno rendemento cando poida existir unha rede de transporte, e dicir una rede eléctrica que permita a evacuación da enerxía con destino as zonas de maior demanda. En calquera caso a ratio de utilización dos ciclos combinados estará por debaixo da media, pois non so ,dependerán dos centros de maior demanda senón dos prezos competitivos, as zoas de maior consumo acudirán preferentemente á electricidade xerada polos ciclos mais cercanos.

 

 

Reganosa un caso de corrupción politico-finacieiro

Os socios de Reganosa son: Xunta de Galicia (10%), Endesa (21%), U. Fenosa (21%), Grupo Tojeiro (18%), Caixa Galicia (10%), Sonatrach (10%), Banco Pastor (5%), CaixaNova (5%).

En Xullo de 2001 é asinado un Convenio de Colaboración entre Fraga e os socios de Reganosa, con cláusulas de confidencialidade, onde se decide a ubicación previamente a calquera estudio de impacto ambiental e onde o entón Presidente da Xunta de Galicia, se comprometía a garantir a viabilidade económica do proxecto mediante a fórmula de axilizar tramitacións, subvencións etc.. O muñidor deste convenio de colaboración foi o Conselleiro de Economía, Sr. Orza que a súa vez compartía intereses co Grupo Tojeiro sendo socio de algunhas das empresas do Grupo.

Lembrar a operación de transferencia da parcela onde se asentan os tanques de Forestal a Reganosa no 2001 que lle permitiu a Tojeiro embolsar mais de 700 millóns das antigas ptas., segundo consta no rexistro da propiedade de Pontedeume. Asimesmo a transferencia de parte da Concesión do recheo foi outro pelotazo, en total uns 5.000 millóns das antigas ptas. Agora sabemos tamén da duplicidade orzamentaria empregada por Reganosa para pagar menos por impostos e taxas e acadar una maior retribución do estado,  a recuperación da totalidade da inversión segundo o establecido polo sistema gasístico español.

A planta de gas de Reganosa é producto dun caso gravísimo de corrupción financeira e política que ademais incumpre a máis básica normativa de seguridade industrial e medioambiental estatal e europea. Os problemas que plantea a Planta de Reganosa resultado da corruptela son insubsanables, exemplo dun modelo de capitalismo salvaxe, no que unha minoría, para  acadar o máximo beneficio, non repara en por en perigo de morte a miles de persoas  ou liquidar un ecosistema do que  dependen centos de mariscadores e a súas familias. A impunidade con que esa minoría  asalta a legalidade vixente para acadar os seus propósitos, só é posible pola complicidade  institucional (forzas políticas maioritarias) e mediática.  Serva o exemplo, A Deputación de A Coruña, o Pleno do Concello de A Coruña, ou determinados cargos da Xunta homenaxeando como empresario exemplar a un dos impulsores de Reganosa (Sr. Tojeiro) e principal beneficiario deste caso de corrupción.

 

A mobilización social

¿Cómo Xurde O CCE?

O CCE xurde para facerlle fronte as pretensións dos promotores de Reganosa, ante a pasividade ou falla de iniciativa dos partidos políticos en xeral, das institucións e das forzas sindicais, cabe en todo caso dicir que hai excepcións. O CCE  constitúese formalmente en Xuño de 2001. A mediados de 2004 ante a ampliación do movemento conformouse a Asemblea Cidadán integrada por representantes de mais de cincuenta asociacións así como representacións individuais.

A Loita do CCE

Unha loita mantida dende fai 8 anos, pola vida, a Ría e a legalidade, contra un potente conglomerado (Promotores-Instuitucións-Partidos-Medios), característico desta época de Capitalismo salvaxe, primeiro para impedir a instalación da Planta de Reganosa dentro da Ría e agora para acadar a súa paralización, ao traverso da mobilización social, da denuncia xudicial, administrativa e mediática .

 Unha loita que acabou rachando, a partires de maio de 2007, os muros de silencio impostos polo entramado que promove Reganosa, tralo bloqueo dos gaseiros, o peche dos veciños de Mugardos, a publicación do libro “Muros de silencio” ou a divulgación de documentais como “Un gasoducto no meu xardín” ou “O salario do silencio.

O  proceso de loita liderado polo CCE  sempre mantivo como centro da mesma a eliminación da ameaza da planta, fuxindo de calquera coiunturalismo e integrando a todos/as aqueles que por riba da súa adscrición ideolóxica compartirán este obxectivo. Así foi que a pesares da fortaleza do adversario puidemos abrir brecha e acadar un amplo movemento de oposición que resiste, resolto a gañar esta batalla, contando sempre coa comprensión e o compromiso dos sectores mais avanzados da Comarca e de Galicia.

Trala la licencia definitiva  de funcionamento en Novembro do 2007,  o CCE avaliou a nova situación e xunto á Asemblea Cidadán deseñou unha nova proposta de mobilización para esta nova etapa, obxectivo logrado con un nivel de participación nas mobilizacións aceptable como amosan: O Roteiro reivindicativo pola cidade de Ferrol  o 9 de Maio; a manifestación do 8 de Xuño; a II Marcha a Pé a Mugardos do 23 de Xullo; a Exposición Mural “A Ría na Rúa” do 25 de outubro a 1 de Novembro; o peche nos concellos de Ferrol e Mugardos cando se cumpriron seis anos do afundimento do Prestige, como integrante da rede Galicia non se Vende; a denuncia de cada entrada ilegal dos 36 gaseiros, cunha concentración diante do edificio administrativo da Xunta e posterior manifestación ata o Concello.

Presentamos diante da Fiscalía do TSXG  e a Fiscalía Especial contra a Corrupción os novos datos da duplicidade orzamentaria  coa que Reganosa pretende seguir saqueando os recursos públicos.

 A Comisión Europea de Medioambiente emprazou recentemente ao Goberno español para que aclare se a Planta  e os gaseiros cumpren coa Directiva Seveso.

O CCE ten presentado unha ducia de contenciosos diante dos Tribunais. O TSXG dictou 3 sentenzas que certifican a ilegalidade da Planta de Reganosa, recorridas ante o Tribunal Supremo por Reganosa e a Xunta. 

A planta de Reganosa é unha instalación ilegal e Perigosa. Por moito que queiran silenciar os riscos , o certo e, que en caso dun accidente, ben  na Planta, no complexo petroquímico ou nun gaseiro, producirase unha traxedia que levará por diante a vida de milleiros de persoas.

Polo tanto non estamos diante unha ilegalidade máis, senón diante unha instalación que en primeiro lugar pon as nosas vidas en perigo, non temos  mais alternativas que acabar con esa ameaza, de aí a nosa determinación e compromiso con esta loita que so rematará unha vez acadado o obxectivo de Planta de Gas fóra da Ría.

Santiago  a 06 de Decembro de 2008

 

Explore posts in the same categories: Comunicados Comité Cidadán

Etiquetas: , ,

You can comment below, or link to this permanent URL from your own site.

Deixar un comentario