Arquivo para Abril 15, 2010

60 mariscadores da ría de Ferrol procesados

Abril 15, 2010

A edición de Ferrol do xornal “La Voz de Galicia“, publica onte -14.04.2010-, unha noticia asinada por Francisco Varela, onde afirma que a titular do Xulgado de Primeira Instancia nº 3 de Ferrol, a Maxistrada-Xuíz Mónica Ramírez Encinas, “procesou por desordes públicas a 60 mariscadores da ría de Ferrol polo corte do paso de buques gaseiros que se dirixían á planta de Reganosa en Mugardos no 2007“. Segundo recolle a noticia citada, a xuíz “considera que os procesados poden ser imputados de delitos de desordes públicas, desobediencia grave á autoridade e coaccións graves“.

Di-se na noticia de referencia que “… O fiscal aínda non se pronunciou en canto aos cargos, pero de prosperar a causa, como se supón que ocorrerá, …”

Mais o que pretenden encausar é unha a acción emprendida polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol coa colaboración especial dun dos seus compoñentes, a Cofradía de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, que impediu, ás 8 da mañá do Luns 7 de Maio de 2007 un acto ilegal e perigoso, que ao día de hoxe aínda segue poñendo en perigo as nosas vidas, a Ría e a nosa seguridade. Trata-se da entrada na Ría de Ferrol de buques gaseiros cargados con GNL-LNG, para a perigosa e ilegal Reganosa. E xa son 64 os buques que entraron na Ría de Ferrol, para atracar no peirao de Punta Promontorio no Concello de Mugardos, en pleno corazón da Ría, moi próxima aos núcleos de poboación e mesmo á beira dun complexo petroquímico [Forestal del Atlántico, SA e Imegasa] onde se almacenan miles de litros de fluídos tóxicos e altamente perigosos [Potencial Efecto Dominó]. A xente do mar, puxo á disposición do Comité Cidadán as súas embarcacións, onde subiron máis persoas polo que non eran só mariscadores, para saír-lle ao encontro do buque gaseiro que ía entrar na Ría, para descargar nunha Planta de Gas que nen tan sequera contaba cos permisos de funcionamento, senón que ademais eran outras persoas ligadas ao Comité, membros de asociacións veciñais, ecoloxistas, políticos, sindicalistas, … e mesmo xornalistas. O buque era o “Galicia Spirit” que tardou tres días en poder entrar, dado que abortou por dúas veces a entrada na Ría.


Desde o Comité Cidadán de Emerxencia, fixera-se un chamamento á cidadanía de Ferrol e Comarca, para que se mobilizara contra o despropósito gasístico de Reganosa e a ilegal entrada de buques gaseiros cargados na nosa Ría. E iso foi o que fixemos en lanchas na Ría e manifestando-nos a pé, no Peirao Curuxeiras de Ferrol.

Compre pois, non só os recursos correspondentes de reforma ou apelación ao auto xudicial de procesamento, senón que é necesaria unha resposta cidadán a semellante atropelo a un dereito inalienábel como é o dereito a loitar contra a inxustiza.

O que pasou en 7 de Maio de 2007, e días posteriores non foi cometer un delito, foi unha protesta cidadá lexítima contra decisións empresariais e administrativas ilegais, inxustas e perigosas.

No 2007, cando detiveran a Bernardo Bastida, daquela Patrón Maior da Cofradía de Pescadores de Ferrol, o Comité Cidadán promovera unha campaña de autoinculpacións, presentando-se no xulgado máis de 1000. Pensamos que cumpre, no caso de prosperar a causa, facer unha nova campaña de Autoinculpacións para este novo procedemento xudicial.

Artigo redactado polos compañeiros do Colectivo Ártabra21

“As excelencias de Reganosa”

Abril 15, 2010

Ferrol, 14 de Abril de 2010, chegamos, sobre as oito menos vinte da tarde a Escola Universitaria Politécnica, Naval e Industrial, da Universidade d’A Coruña, no Campus de Ferrol – Serantes. Nada máis entrar observamos que a “Coca-Cola” o invade todo. Enormes letreiros postos no hall de entrada e noutras salas, grande botellón incluído, dan a medida dunha universidade acrítica imbuída polo sistema non só polo modelo productivista, baseado no crecimento, senón que o modelo consumista quedaba patente. As poucas persoas que entraban na sala ían recibindo o Boletín nº16 do Comité Cidadán, ao comezar pouco máis dunha trintena de persoas ocupaban asento.

Jesús Losada Maseda, daba unha conferencia titulada “Operación dunha planta regasificadora de gas natural licuado”, mais non se ía falar dunha planta regasificadora calquer, senón que o modelo a expor era nin nada máis nin nada menos que Reganosa.

Foto do Colectivo Ártabra21

Unha representación do Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, asistiu á conferencia que o Xefe de Mantenimento de Reganosa, Jesús Losada Maseda, ofreceu, hai unhas horas, na Escola Universitaria Politécnica de Serantes. Unha conferencia que trataba de explicar o funcionamento dunha planta de GNL, exemplificada no caso Reganosa. Jesús Losada Maseda foi describindo o itinerario do gas, desde os pozos de extracción até os puntos de consumo, obviando e mesmo ocultando deliberadamente todos os aspectos conflitivos derivados do funcionamento e localización da planta regasificadora. Ocultou as dificultades que teñen os gaseiros para chegar até a planta, o perigo que supón as instalacións de Forestal do Atlántico e Imegasa achegadas á mesma. Non mencionou o tratamento con hipoclorito sódico das 5.500 toneladas/hora de auga do mar da Ría que esteriliza e enfría. Na descrición do sistema gasístico non mencionou o gasoduto de Tui, fechado para beneficiar a Reganosa. …  Toda a charla foi un canto á excelencia da planta e o seu altísimo nivel de seguridade e transparencia. Por parte do CCE, desde o público, se lle recriminou esa manipulación. Lembrou-se-lle a inadecuada localización da planta xunto a importantes núcleos de poboación e nunha Ría cun canal de navegación estreito e sinuoso que nunca vai permitir evacuar un gaseiro en caso de emerxencia. Ademais de que máis do 20% dos gaseiros, desde que entrou en funcionamento a planta, tiveron que abortar a súa entrada polas condicións meteorolóxicas. Tamén se lle recordou que a planta entrou en funcionamento sen Plan de Emerxencia Exterior e que o que agora existe é inoperativo en caso de accidente. O coloquio gañou intensidade cando se lle pediu que explicase como é que xa por dúas ocasións, Reganosa fai saltar as alarmas do sistema gasístico, ou as mentiras que contén o proxecto presentado polos promotores en canto a demanda de gas … Jesús Losada Maseda, dixo manter unha reunión de coordinación na planta -de dúas horas de duración- cada vez que se realiza unha operación de descarga, desde o público se lle dixo “lembrade en cada unha desas reunións que estades xogando coa vida de miles de persoas nesta comarca“. Moitas foron as preguntas, denuncias e reflexións das persoas que asistiron á conferencia, coas que quedou patente o despropósito gasístico que representa Reganosa. Unha charla que pretendía ser técnica, que pretendía vender a Reganosa como un modelo de empresa e xestión de calidade, quedou combertida nunha denuncia cidadá contra a planta de gas.

A representación da comunidade universitaria, asistía atónita a como discorría o debate, só unha pregunta saíu das bocas estudantís: ” … se pude visitar Reganosa …”. O debate continuou na propia sala despois da conferencia, mentres unha vintena de estudantes asinaban nunha folla para que se lle recoñeceran os “créditos” por asistir á conferencia.

Cantas persoas van reflexionar sobre o que se debateu nesa sala é unha incógnita, mais o traballo do Comité Cidadán quedou feito.

Artigo redactado polos compañeiros do Colectivo Ártabra21