Solidaridade do CCE cos mariñeiros de Cangas
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol solidarízase cos mariñeiros xulgados este mércores en Pontevedra, polas protestas e paralización das obras do porto deportivo de Massó en Cangas, e reitera o seu apoio á loita que están levando a cabo, o Foro Social, a Confraría de Pescadores e o pobo de Cangas, en defensa da legalidade, da súa contorna e do medio de vida de moitas familias
¡Tod@s con Cangas ¡ ¡ A Ría non se vende !
Manifesto pola protección da Ría de Vigo
“Nas últimas décadas a ría de Vigo sufriu o impacto da actividade humana. O porto de Vigo destruíu xa máis de dez quilómetros de liña de costa na ribeira sur da ría. O excesivo afán por aumentar a superficie portuaria segue sen respectar os valores ambientais e a forma de vida tradicional e sustentábel das súas xentes.
O proxecto do porto deportivo en Massó (Cangas do Morrazo) derivaría na desaparición do banco pesqueiro e marisqueiro da zona, destruiría importantes hábitat mariños, que son refuxio de flora e fauna, contaminaría a auga, etc.
Doutra banda, a pesca de baixura e tradicional, máis aló do impacto do urbanismo salvaxe e a contaminación urbana, sofre as consecuencias da pouca selectividade das artes dos grandes buques industriais e o sobreesforzo pesqueiro. Os abaixo asinantes lembran que da ría viven máis 10.000 mariscadores/as e mariñeiros/as, o que a converte na maior empresa da zona, e que un de cada seis empregos indirectos dependen dun bo estado ambiental da ría.
A preservación do fondo mariño de Cangas e de toda a ría de Vigo, a través dun desenvolvemento sustentábel, convértese desta forma nunha obriga moral das administracións públicas cos seus habitantes. A igualdade de oportunidades e a calidade de vida, tanto das xeracións presentes como das futuras, dependen neste punto das decisións dos responsábeis políticos.
Os abaixo asinantes queremos amosar o noso máis absoluto rexeitamento ao proxecto do porto deportivo, que non cumpre coa normativa ambiental nin portuaria vixente, e que se retiren todos os cargos aos/as imputados/as por defenderen a súa forma de vida”.
Explore posts in the same categories: Comunicados Comité CidadánEtiquetas: cofradia de ferrol, MARISCADORES, massó, pescadores de cangas, Ría de Vigo, Salgueirón
You can comment below, or link to this permanent URL from your own site.
Deixar unha resposta