Rolda de Prensa do CCE

 

Rolda de Prensa do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

celebrada na Galeria Sargadelos, hoxe 16 de setembro 2010.

Hoxe unha representación do CCE (Manuel Rguez. Carballeira, Luz Marina Torrente, Humberto Fidalgo, e Eliseo Zaera) deron conta aos medios da opinión do CCE diante dos ultimos acontecementos relativos a Planta de Gas de Reganosa: abandono de diferentes socios e anuncio do Consellerio de Industria da Xunta de Galicia de ampliar a súa participación no accionariado de Reganosa.

Ao comezo da rolda proxectaronse unhas imaxes do recente estoupido dun gasoducto na cidade de S. Francisco en USA, demostrativas do carácter letal no caso dunha explosión nunha planta como a de Mugardos.

 Resumo do manifestado ante os medios:

 1º.-No ano 2009, Reganosa non produciu mais que o 35% da sua capacidade.

 2º.- A razón da construcción da Planta de Gas de Reganosa, segundo os promotores e tal como recollía o Convenio Confidencial asinado en xuño do 2000 entre o Presidente Fraga e os socios de Reganosa, era o subministro aos catro Ciclos Combinados, ao Grupo Tojeiro e ao consumo doméstico. Asemade os promotores anunciaron publicamente que toda a produción estaba comprometida.

Actualmente os Ciclos Combinados (tres) veñen traballando só ao 30 % da súa capacidade e o Grupo Tojeiro non consumíu nada desde a posta en marcha da Planta..

 3º.- A realidade actual amosa a falsedade dos datos aportados por Reganosa que non tiveron outro ouxetivo que enganar a Comision Nacional da Enerxia para obter a autorización de funcionamento .

 4º.- Reganosa e unha instalacion ilegal, carece da DIA,(segundo ás duas Sentencias do TSXG), incumple o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Mugardos. Os gaseiros incumplen coa normativa de navegabilidade (EN-1532), a cal obriga en caso de perigo a “abandoar o porto polos seus medios e afastarse rápidamente a mar aberto”. O risco de efecto dominó non se tivo en conta (a Planta foi construida a carón de Complexo Petroquimico de Forestal do Atlántico).

 5º.- Reganosa e unha instalación perigosa, con 150.000 Tons de GNL incrustada no corazon da Ría de Ferrol , xunto ao complexo petroquímico con mais de 280.000 m3 de combustibles e productos químicos e ubicada a escasos 100 m do núcleo de poboacion de Mehá. Lembrouse o incendio ocorrido o pasado dia 19 de Abril, en Forestal namentras un gaseiro iniciaba a descarga de 50.000 Tons de GNL.

Na entrevista mantida polo CCE co Director Xeral de Emerxencias da Xunta, manifestou descoñecer o lugar exacto do incendio, afirmou que non tiña responsabilidade no gaseiro e despois negouse a entregar a documentación sobre o incidente ao CCE tal como se comprometera en dita reunión.

 6º.- Reganosa, cos seus verquidos, acelera a destrucción da Ria de Ferrol, causando baixada de capturas o que eliminará postos de traballo dos mariscadores.

7º.- A Xunta de Galicia debe aclarar o por qué da situación deficitaria de Reganosa e o falseamento dos datos aportados a CNE para acadar a Autorización de funcionamento.

 8º.-. Reganosa e unha inbstalacion deficitaria que estamos pagando todos os galegos. Lembrouse que estamos pagando o gas mais caro por culpa de Reganosa. As perspectivas futuras (crecemento das renovables, novas infraestructuras, gasoducto Mezgad, primas ao carbon) van na dirección contraria ao manifestado polo Conselleiro de Industria. Os aumentos futuros do consumo de gas – ampliazón de Reganosa – só están na cabeza do Conselleiro, unha nova patraña para continuar coa estafa de Reganosa e xustificar a inxeccion de recursos públicos a unha instalación ilegal, o perigosa, destructiva da Ría, deficitaria e innecesaria, só para socorrer ó protexido de Fraga, ao Sr. Tojeiro, namentras recorta os recursos dos servicis sociais, sanidade, ensino, progarmas de Cooperación etc.

9º.- REGANOSA é unha instalación ILEGAL, PERIGOSA, DEFICITARIA E INNECESARIA que obedece a un proceso continuado de corrupción política e económica.

Non existe ningún motivo que poida xustificar manter operativa unha perigosa planta de gas coa inseguridade xurídica que traballa REGANOSA e que supón un alto custo ambiental, económico e social.

A achega fraudulenta dos datos é suficiente para a revogación da autorización de funcionamento, que ademais non xeraría problemas operativos ao sistema gasista.

 O gaseoducto Tui-Llanera, sen actividade desde a posta en servizo de Reganosa ata finais do ano pasado (agora “exporta” apenas 1,7 GWh/día), pode suplir a achega desta planta de gas; tanto para o abastecemento do consumo convencional como ás Centrais de Ciclo Combinado.

 Engádese o documento do CCE: “REGANOSA : UNHA EXTRATEXIA PLANIFICADA”

  REGANOSA UNHA ESTRATEXIA PLANIFICADA

 A decisión dos diferentes socios de Reganosa ( Endesa 21%, Banco Pastor 5%, Caixa Galicia 10%, Caixanova 5%) de desprenderse das súas accións, a favor do fondo de investimentos australiano Commonwealth Bank, manifesta a precariedade de Reganosa e pon en evidencia a retórica mantida polos seus promotores “do carácter galego e estratéxico de Reganosa, da defensa dos intereses de Galicia”.

 A instalación da Planta de Gas de Reganosa no interior da Ría de Ferrol, é produto dun continuado proceso de corrupción co simple obxectivo de obter uns beneficios á conta de pór en perigo a vida de miles de persoas, de vulneración da legalidade e da destrución da Ría de Ferrol.

 Reganosa é unha instalacion perigosa, ilegal, deficitaria (cuxo custo é financiado pola cidadanía) e innecesaria

 Unha Planta innecesaria

 REGANOSA, en conivencia cos seus socios faltou á verdade respecto da necesidade da planta en Galicia e falseou os datos para acreditar a viabilidade económica e financeira da planta.

 A inadecuada planificación enerxética por parte das diferentes administracións, sempre sensibles ás presións das grandes compañías eléctricas, desembocou na construción dunha planta de gas para alimentar industrias do Grupo Tojeiro, e para abastecer uns ciclos combinados nas centrais termoeléctricas, que por estar instalados na Comunidade Autónoma con maior excedente enerxético, non funcionan nin ao 30% da súa capacidade .

 A realidade actual non pode ser máis elocuente, a demanda de gas foi fixada artificialmente. Dos catro ciclos comprometidos só se construíron 3 ( As Pontes I e II, e Sabón I), e eses tres están a menos dun 30% da súa capacidade de produción. Ou o que é o mesmo, entre os tres producen aproximadamente a mesma enerxía que podería producir un só traballando ao 100%. A maior parte da electricidade producida nos ciclos é destinada á exportación fóra de Galicia.

Pola súa banda o grupo empresarial Tojeiro non realizou ningún consumo sinalado no plan de viabilidade da planta, nin existen, a día de hoxe, as industrias programadas por parte de devandito grupo para o seu consumo.

Ademáis non se tivo en conta o crecemento exponencial das enerxías renovables e da hidroeléctrica para a produción de electricidade como advertiu no seu momento o Comité Cidadán de Emerxencia (CCE).

 Hoxe, lamentablemente, confírmase o expresado polo Sr. Unda no informe da CNE, de 18 de Abril de 2002: “Coas infraestruturas gasistas, actuais e previstas, sería suficiente para alimentar 3 ciclos combinados sobrando unha capacidade de transporte polos gasodutos sen necesidade de realizar o investimento da planta de gas de Mugardos”.

 No mesmo sentido pronunciouse por entón ENAGAS, no seu Informe de 31 de maio de 2002, que recolle a suficiencia das infraestruturas para abastecer o consumo doméstico e tres dos catro ciclos combinados (recordemos que na actualidade os ciclos producen entre os tres a mesma enerxía aproximada que se podería xerar cun só).

En calquera caso, a devandita enerxía producida polos ciclos non é unha enerxía necesaria para Galicia, senón que é enerxía para a súa exportación nacional.

 Pero o innecesario dos ciclos galegos é outro tema distinto ao que nos ocupa, aínda que non menos sanguento que o da planta de REGANOSA, xa que se construíron para xustificala.

 Para acreditar o escaso rendemento da planta de REGANOSA e a súa INVIABILIDADE TÉCNICO FINANCEIRA achegamos unha comparativa de resultados con outras plantas de regasificación; os problemas que actualmente suscita o mantemento da planta e os elevados custos que xera ao sistema gasista e enerxético español.

 Os datos que proban o escaso funcionamento e rendemento de REGANOSA son ofrecidos polo propio xestor do sistema, ENAGAS, no seu Boletín Estatístico do Sistema Gasista correspondente do 2009. En devandito Boletín, consigna datos como os seguintes:

 1º.- A menor ratio de utilización: REGANOSA é a planta cun menor cociente de utilización de todo el sistema gasistico español, dun 35%.

 2º.- A menor recepción de GNL: A planta de REGANOSA é a planta que menos GNL recibe para levar acabo o proceso de regasificación. Na planta de REGANOSA os buques metaneros descargaron gas natural en cantidade de 16754 Gwh. no 2009.

 3º.- O maior descenso en recepción de GNL (-23%): Durante o ano 2009, as descargas de GNL realizadas polos buques en REGANOSA supoñen un descenso do 23 % a respecto do 2008 . É o maior descenso no número de descargas de buques de todas as plantas regasificadoras do sistema.

 4º. O maior descenso en regasificación (-25%): A planta de REGANOSA é a que menos GNL regasificou de todo o sistema. Dos 21.749 GWh producidos en 2008 descendeu a 16.207 GWh en 2009.O que supón tan só o 5% do gas que entra por plantas de Regasificación e o 4% do total do gas que entra en España.

 5º. O maior descenso en nivel de contratación (-40%): A planta de REGANOSA é a planta que máis baixou o seu nivel de contratación no último ano, ata un 40%.

 Todo isto supón que a produción en 2009 atópase:

 -Por baixo da produción de 2008.

-Por baixo do nivel de contratación.

-Moi por baixo da capacidade nominal autorizada á planta.

 O pouco nivel de utilización da planta atópase directamente relacionado coa demanda e co escaso nivel de contratación que provoca problemas operativos.

 As previsións futuras empeoran a situación de REGANOSA:

1º.- A demanda prevista de gas tanto para uso convencional como para xeración para o ano 2010 na ZONA IV, que é a da zona noroeste, á que corresponde Mugardos, non vai aumentar, senón a disminuír, segundo Informe de Enagas. Na nota de prensa do nove de setembro do actual, emitida pola Comisión Nacional da Enerxia recollese a disminución do consumo en Galicia do 21,2% no 2009 ao respecto de 2008, acadando un consumo de 13.355 GWh.

 2º.- Incremento de enerxías renovables e hidroeléctrica.

 3º.- Entrada en funcionamento de novas infraestruturas (gasoduto Medgaz).

 4º.- Primas ao carbón de produción propia para xeración eléctrica.

 Perigosidade

 A Planta de Gas de Reganosa é unha instalación de 150.000 Tons de GNL incrustada no corazón da Ría de Ferrol, encostada a un complexo petroquímico que almacena mais de 280.000 m3 de combustibles e outros produtos químicos, todo o cal pode amplificar enormemente as consecuencias dun accidente grave na Planta de Reganosa, ou que este se produza por un incendio, con efecto dominó no complexo petroquímico.

 A planta de gas de Reganosa atópase a escasos 100 m do núcleo de poboación de Mehá onde residen 400 persoas. Ao redor da Planta de Reganosa, nun radio de 2.000 metros viven 7.000 ( 4.500 afectadas no Concello de Mugardos e outras 2.500 na Cidade de Ferrol). Nun radio de tres quilómetros a poboación residente é dunhas 40.000 persoas, delas unhas 34.000 na cidade de Ferrol, cuxa vida está sendo ameazada polo funcionamento de Reganosa. Ante a posibilidade dun accidente na Planta ou nun buque gasero, a distancia entre as dúas beiras da Ría é dun quilómetro e non existen relevos xeográficos interpostos que poidan servir de pantalla protectora para os máis de 100.000 habitantes nas súas dúas marxes.

 A Planta de Gas de Reganosa atópase illada do mar aberto por unha angosta e sinuosa canle de 4,5 Km de lonxitude e un ancho navegable de 150 m entre aboias, con fondos e ribeiras de rocha, que comunica a Ría de Ferrol co Océano Atlántico. Isto limita a entrada de buques gaseros aos 45 minutos de preamar diúrna, sempre que simultaneamente se produzan certas condicións de vento e visibilidade. Unha vez no interior da Ría, en caso de producirse un sinistro na planta ou no barco gasero, este non podería abandonar a enseada, debendo permanecer nas proximidades das poboacións en contra do que obrigan as normas de seguridade. Estas normas esixen “abandonar o porto polos seus propios medios e afastarse a mar aberto”.

 Por outra banda, das 74 operacións de buques que transitaron con destino a REGANOSA desde a súa entrada en funcionamento, o 23% (isto é, 17 operacións) tiveron que ser suspendidas polas inadecuadas condicións climatolóxicas. Case un de cada catro buques gaseros, tivo que alterar os seus horarios para esperar a que as condicións mellorasen e en moitos casos este retardo viuse acrecentado pola necesidade de esperar a unha nova preamar. Noutros casos, a operación de entrada á ría desenvolveuse ao límite da normativa en canto a ventos ou néboa tal como denunciou o CCE.

 En concreto, o LNG Cheik o Mokrani, LNG Mourad Didouche, LNG Rivers, LNG Edo, LNG Madrid Spirit, LNG Bilbao Knutsen, LNG Lagos(2), LNG Madrid Spirit, LNG Finima(2), LNG Lokoja, LNG Catalunya Spirit, LNG Hispania Spirit, LNG Madrid Spirit(2), LNG Madrid Spirit, tiveron que abortar a entrada prevista na Ría de Ferrol polas condicións meteorolóxicas e pola singularidade desta. Algunhas destas manobras foron moi perigosas como a realizada polo LNG Rivers o 2 de febreiro de 2009 ao pasar preto dos baixos coñecidos co nome “As Merloeiras”.

 O pasado día 19 de abril durante a descarga do buque gasero “LNG Madrid Spirit” na planta de REGANOSA produciuse un incendio na empresa anexa “Forestal do Atlántico”. Esta empresa situada a 100 metros da planta almacena combustibles, formaldehido e outros produtos tóxicos. Os bombeiros de Ferrol controlaron o lume logo de horas de traballo. A traxedia estivo moi preto. Na reunión celebrada con membros de CCE tanto o Director Xeral de Urxencia como o Subdirector, foron incapaces de aclarar o lugar concreto onde se habia producido o incendio. É mais, afirmaron que non tiñan responsabilidade nin era tema da súa competencia, o risco engadido que representaba o gasero que estaba descargando 50.000 Tons de GNL na planta de Reganosa mentres se producía o incendio.

Os incidentes ocorridos desde a entrada en funcionamento de REGANOSA, non fan senón corroborar o denunciado polo CCE: a localización da planta non é a adecuada desde un punto de vista de seguridade (ademais de técnico-legal), porque non só se atopa a menos de 100 metros das vivendas máis próximas (incumprindo con iso o antigo RAMINP e Lei Seveso), senón que ademais, como xa se denunciou, non é compatible cunhas condicións de navegabilidade esixible a unha planta de regasificación minimamente moderna.

A iso hai que engadir a problemática descarga de GNL dos buques gaseros, o cal está ademais relacionado coa escasa compatibilidade dos buques coas terminais de regasificación como no caso de Reganosa.

 Ilegalidade

 REGANOSA non cumpriu co preceptivo trámite da Declaración de Impacto Ambiental por parte do Ministerio de Medio Ambiente.

 Así se foi declarado polo TSJ de Galicia en dúas ocasións, nas Sentenzas 536/2004 do 23 de xuño e 606/2006 do 27 de xuño, polas que se anula a Avaliación de Efectos Ambientais da Xunta de Galicia por razón de “os decisivos defectos competenciais, procedementais e substanciais derivados da formulación da DEA en indebida substitución da Declaración de Impacto Ambiental”.

 REGANOSA, incumpre o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Mugardos, como así o confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Sentenza 311/2008 de 22 de abril de 2008 que anula o Acordo municipal de 31 de xaneiro de 2003 polo que se aprobou definitivamente a modificación puntual número 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Mugardos para a redefinición das ordenanzas e o ámbito de aplicación do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) de Punta Promontorio (lugar de localización de REGANOSA).

É de sumo interese destacar a data de aprobación do Acordo Municipal de Mugardos anulado polo TSXG. O Acordo nulo é de data 31 de xaneiro de 2003, isto é 7 meses despois de que lle fose outorgada a REGANOSA a autorización administrativa previa (3 de xuño de 2002, BOE 176, de 24 de xullo), polo que mediante devandita Sentenza queda así mesmo acreditado que, nin cando solicitou, nin cando se lle outorgou a autorización, REGANOSA cumpría co requisito de adecuación do emprazamento á normativa de ordenación do territorio porque a ordenanza por entón vixente prohibía expresamente a actividade que se pretendía realizar na planta de gas.

 REGANOSA incumpre a Normativa SEVESSO por instalarse nunha área densamente poboada a menos de 100 metros das vivendas máis próximas e a 1000 metros do Arsenal Militar de Ferrol.

A singularidade da Ría de Ferrol, longa e estreita canle, que por condicións de calado e correntes de marea, limita a entrada de buques gaseros aos 45 minutos de preamar diúrna, sempre que simultaneamente se produzan certas condicións de vento e visibilidade. Unha vez no interior da Ría, en caso de producirse un sinistro na planta ou no barco gasero, este non podería abandonar a enseada debendo permanecer nas proximidades das poboacións en contra do que prescribe a norma EN-1532, a cal obriga a “abandonar o porto polos seus propios medios e afastarse rapidamente a mar aberto“.

 O risco de efecto dominó non se tivo en conta. Este risco está contemplado no artigo 8 da Directiva 86/82/CE, tamén do Real Decreto 1254/99 de 16 de xullo, “non se tivo en conta que a Planta de Gas de Reganosa foi construída anexa ao Complexo Petroquímico “Forestal do Atlántico S.A.”.

 Danos Medio Ambientais. Destruccion da Ría

 REGANOSA incumpre a autorización de verquidos. Por este motivo Augas de Galicia, organismo encargado do control das verteduras, expedientou e sancionou á empresa no ano 2009.

Desde a súa posta en marcha, a planta de regasificación tratou máis de 151 millóns de metros cúbicos de auga da Ría de Ferrol, con hipoclorito sódico, verténdoa a baixa temperatura á ría, o cal supón un importante dano ambiental e produtivo para o sector marisqueiro e pesqueiro.

Existe un Porto Exterior en funcionamento. Unha infraestrutura de enorme impacto ambiental xustificada inicialmente cos argumentos de que albergaría a Planta de Gas, os tráficos nocivos (Chatarra, Carbón etc) de tal xeito que os grandes buques cargados non terían que entrar na Ria, dado o perigo da canle de entrada e ademais se liberarían espazos do interior da Ria para outros usos mais compatibles (marisqueo, lecer, deporte).

 Con todo a Autoridade Portuaria de Ferrol-S. Cibrao pretende dragar esta canle baixo o eufemismo de “ mellora de calados na canle de entrada ao interior da ría de Ferrol” encubrindo o obxectivo de servir unicamente a intereses de Reganosa e os seus gaseros cargados, aínda a propósito da imposibilidade de cumprimentar a norma EN-1532 e de que os fondos submarinos desta estreita canle rochosa están clasificados como Lugar de Interese Comunitario (LIC) e dispón dunha protección integral, por atoparse integrado na Rede Natura.

 Caso de corrupción

 Para ocultar o perigo da Planta, a vulneración da lei e o seu verdadeiro obxectivo que non era outro que o beneficio económico fraudulento, os promotores de Reganosa e os seus cómplices institucionais impulsaron unha campaña mediática con patrañas como que o consumo de toda a produción de gas estaba comprometida con Endesa , Fenosa ou o grupo Tojeiro…; a creación de centos de postos de traballo que ían relanzar a unha comarca deprimida pola crise… O Sr .Fraga chegou a catalogar á Planta de Reganosa como “A Perla da Ría”, todo aderezado coa retórica do carácter galego e estratéxico da Planta de Reganosa.

 Co único fin de cumprir (aínda que fose formalmente) co 4º requisito necesario para obter a autorización de construción e o preceptivo VºBº da Comisión Nacional de Energía, os socios de REGANOSA comprometéronse a construír catro centrais de ciclo combinado; Fenosa dúas centrais (ciclos) de 400 MW cada un e Endesa á construción doutros dous nas Pontes, e a un consumo anual de 2000 millóns de m³ de gas natural, e o grupo Tojeiro a un consumo anual de 500 millóns, compromisos de consumo que se recollen no Convenio confidencial asinado entre A Xunta e os socios de Reganosa en xuño de 2000, o que se demostrou falso.

 REGANOSA comprou os terreos para a súa instalación ao grupo Tojeiro por un valor moi superior ao do mercado. Estas actividades especulativas supuxéronlle unhas plusvalías ao grupo Tojeiro de 23 millóns de euros.

 A operación non supuxo gran dificultade posto que o grupo empresarial Tojeiro actuaba simultaneamente como vendedor e como comprador. Roberto Tojeiro presidía o seu grupo empresarial e tamén REGANOSA, contando co amparo do Conselleiro de Economía da Xunta de Galicia, José Antonio Orza, socio accionista á súa vez do mesmo grupo Tojeiro.

 Polo cal REGANOSA falsifica anualmente os seus activos e as cantidades declaradas como investimento. O valor neto contable dos terreos é de tan só 4.442.281,65 euros segundo auditoría de Ernest and Young, mentres se venderon por trinta millóns de euros.

 Será o sistema gasista quen finalmente pague este sobrecusto a través das retribucións financeiras a REGANOSA.

 Planta deficitaria

En relación co informe de ENAGAS temos que lembrar así mesmo a advertencia que o xestor técnico do sistema fixo no ano 2002 no seu informe, e que advertía (páx. 5 do Informe) que para o sistema gasista era mellor realizar reforzos na rede existente que construír REGANOSA, e que era evidente que se no horizonte de 2010 só se instalaran (ou funcionaran) un máximo de 800 MW de potencia de ciclos combinados, a opción da planta resultaría moi onerosa e o conxunto dos consumidores de gas natural de España estaría asumindo un sobrecusto de 3,7 M€ ao mes. Se como ocorre na actualidade están só funcionando 400 MW o custo que estimou ENAGAS elévase polo menos a 5,5 M€ ao mes; o que ao ano supón a cantidade de 66 M€, que efectivamente, tal e como veremos máis adiante é a enorme retribución anual que está percibindo REGANOSA e que está saíndo dos petos dos consumidores finais.

O mantemento dunha planta que ten tan pouco rendemento só beneficia aos intereses particulares dos seus socios a quen debido ao sistema de retribución das instalacións de gas existente en España, aféctalles pouco que a planta se atope por baixo duns parámetros de rendemento absolutamente inauditos, xa que eles van seguir percibindo uns pingües beneficios debido ao sistema de retribución previsto, como dicimos, pola lexislación española. Por todo iso, o único que lles preocupa ás socios de REGANOSA é que a planta siga aí, aínda a costa do sistema, dos usuarios finais de gas que terán que asumir os custos e da seguridade da poboación.

O RD 949/2001 de 3 de agosto establece un tipo de retribución para estas plantas baseado nas capacidades nominais inicialmente contratadas e nos activos investidos e non na produción efectiva final da planta en cuestión. O sistema de retribucións previsto na lexislación española establece que cada planta cobre de xeito proporcional á capacidade nominal e é por iso que os ingresos de REGANOSA son sorprendentemente altos en comparación cos das outras plantas.

 Así resulta que durante os 9 primeiros meses de 2009 REGANOSA ingresou 65.307.203 €, (non é casualidade pois que o custo para o sistema que estimou ENAGAS no ano 2002 para o caso de que só funcionase un ciclo era de 66 M€!!!) e que para 2010 ten previstas unhas retribucións case de 60 millóns de euros, de tal xeito que a este ritmo calcula que os seus ingresos serán de máis de 1.500 millóns de € en 23 anos. As tarifas e retribucións fixas provisionais (a esta retribución hai que engadirlle a variable), definitivas e adicionais, aparecen reflectidas na ORDE ITC/1678/2009 de 3 de xuño e ascenden a máis de 50 millóns de euros para o 2009.

 REGANOSA non só produce pouco, senón que percibe uns altísimos ingresos que non están, nin estaban no momento de darlle a autorización, xustificados. E neste sistema retributivo está o empeño (e o negocio) polo que se forzou o outorgamento da autorización de construción, custase o que custase, e en contra de toda lóxica dunha instalación que se sabía non tería demanda suficiente.

 Esta situación resulta particularmente flagrante tendo en conta que estaba anunciada -e denunciada- e que a pesar diso déronselle as autorizacións a REGANOSA.

 Como colofón queremos facernos eco de dúas noticias que saíron recentemente á luz e que sen dúbida son consecuencia dos nefastos resultados que REGANOSA ten para o sistema.

 A primeira refírese ao déficit de tarifa no gas que se duplicará este ano segundo a CNE e pasará a 130 millóns fronte aos 60 millóns do 2009.

 A loita permanente do CCE

 Desde o ano 2000 o CCE vén promovendo a oposición á instalación da planta de gas Reganosa no corazón da Ría de Ferrol pola vía política, administrativa, xudicial e a mobilización cidadá, en defensa da vida, da legalidade e da Ría. Basta recordar a mobilización puntual coa entrada de cada gaseiro cargado á Ria de Ferrol, 74 entradas con outras tantas concentracións. Neste momento están abertos 12 contenciosos, seguen en marcha os expedientes abertos na Comisión de Medio Ambiente e de Peticións da Comision Europea, polas denuncias presentadas polo CCE.

 Unha solución: Clausurar a actividade e apertura dos gasodutos

 REGANOSA é unha instalación ILEGAL, PERIGOSA, DEFICITARIA E INNECESARIA que obedece a un proceso continuado de corrupción política e económica.

 Non existe ningún motivo que poida xustificar manter operativa unha perigosa planta de gas coa inseguridade xurídica que traballa REGANOSA e que supón un alto custo ambiental, económico e social.

 A achega fraudulenta dos datos é suficiente para a revogación da autorización de funcionamento, que ademais non xeraría problemas operativos ao sistema gasista.

 O gaseoducto Tui-Llanera, sen actividade desde a posta en servizo de Reganosa ata finais do ano pasado (agora “exporta” apenas 1,7 GWh/día), pode suplir a achega desta planta de gas; tanto para o abastecemento do consumo convencional como ás Centrais de Ciclo Combinado.

 Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol

16 de Setembro, 2010

Advertisements
Explore posts in the same categories: Comunicados Comité Cidadán

One Comment o “Rolda de Prensa do CCE”


  1. […] Rolda de Prensa do CCE Dieser Beitrag wurde am Xoves, 23. Setembro 2010 um 01:49 Uhr veröffentlicht und wurde […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: