Persisten os cheiros de Forestal. Solicitude de entrevista.
A. VV. O Cruceiro de Mehá
ESCRITO DIRIXIDO AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN
A Asociación de veciños O Cruceiro de Mehá acaba de enviar un escrito á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental solicitando unha entrevista para tratar o tema da emisión de cheiros procedentes da empresa Forestal del Atlántico que, despois de todas as denuncias feitas, aínda segue sen solución.
Na petición de entrevista faise referencia a un escrito remitido por dita Secretaría no que se indicaba que continuarían as tomas de aire en varios puntos e que se instara á empresa a adoptar as medidas necesarias para minimizar a emisión de cheiros.
Coa xuntanza dita asociación pretende obter información sobre estes dous aspectos e, sobre todo, conseguir que se solucione o problema dunha vez por todas xa que os cheiros son cada vez máis persistentes e afectan negativamente na saúde e na calidade de vida dos veciños.
Ler o escrito
Sr. Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental:
Como Presidenta da Asociación de veciños O Cruceiro de Mehá diríxome a vostede co fin de solicitarlle unha entrevista para falar dun tema, xa denunciado por esta asociación noutras ocasións, que non só persiste senón que é cada vez máis grave: a emisión de cheiros procedentes da empresa Forestal del Atlántico.
Nun escrito enviado por vostede con data 29 de abril de 2010 informábanos de que, tras as análises realizadas por unha unidade móbil trasladada á zona, a conclusión era que as medicións cumprían coa actual lexislación. Sen embargo, tamén se indicaba que representantes da mencionada empresa, Forestal del Atlántico, recoñeceran unha serie de circunstancias que poideron dar lugar á emisión de cheiros. Parece que esas circunstancias persisten pois, como xa comentei, o problema continúa sen solución.
Comunicábasenos tamén que se ían manter as tomas de aire en seis puntos de medición e que se instara á empresa para que adoptara medidas que minimizaran a produción de cheiros.
Coa entrevista que solicitamos pretendemos coñecer con máis detalles ambos aspectos e, sobre todo, saber por que persiste a emisión de cheiros tras as medidas adoptadas. Interésanos tamén que nos informe, en persoa, das análises coa unidade móbil de vixilancia da calidade de aire que tiñan previsto realizar este verán.
Pregámoslle a máxima celeridade en atender á nosa petición porque os cheiros son cada vez máis persistentes e afectan negativamente na saúde e na calidade de vida dos veciños. A situación é xa insostible.
Atentamente
Luz Marina Torrente López
Explore posts in the same categories: Asociación do ComitéEtiquetas: cheiros, ferrol, Forestal do Atlántico, medio ambiente, Mugardos
You can comment below, or link to this permanent URL from your own site.
Deixar unha resposta