Petición do CCE ao Valedor do Pobo

 Extracto do escrito que o CCE dirixe ao Valedor do Pobo:

Na noite do 19 de Abril de 2010 tivo lugar un incendio no complexo petroquímico de Forestal del Atlántico (Punta Promontorio –Concello de Mugardos) a 200 m da Planta de gas de Reganosa no interior da Ría de Ferrol, no mesmo momento no que se procedía a descarga de 58.372 Tons de GNL polo gaseiro “Madrid Spirit”. Esta situación foi de máximo perigo para todos os que vivimos na contorna da Ría, debido ao efecto dominó que puido ocasionar unha explosión nos depósitos de Forestal del Atlántico. Os bombeiros de Ferrol conseguiron controlar o incendio despois de dúas horas de traballo. A pesar do ocorrido non se activou o Plan de Emerxencia de Forestal, nin o de Reganosa.

Ningún organismo público (Dirección Xeral de Protección Civil, Concello etc..) alertou a poboación nin se pronunciou ao respecto.

Estes sucesos leváronos a dirixirnos ao Director Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia mediante escrito (4 de Maio de 2010) solicitando as oportunas aclaracións dos feitos. A xuntanza, entre representantes da Plataforma de veciños de Mehá, membros do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ria de Ferrol co Director Xeral de Emerxencias e Interior (Antonio Villanueva Álvarez) e o Subdirector (Roberto Suárez Vázquez) tivo lugar o 4 de Xuño de 2010, nela o Director comprometeuse a entregar toda a documentación relativa ao procedemento de avaliación do incidente recollido no protocolo do Plan de Emerxencia Exterior de Forestal, así como tamén a implementar simulacros de emerxencia entre a poboación, ao que están obrigados, e que non fixeron ate agora.

A pesares do tempo transcorrido, e de sendos escritos enviados pola Asociación (17/Xuño/2010 e 19/Outubro/2010) solicitando a devandita documentación, o certo é que a mesma non nos foi entregado nin os plans de emerxencia implementados e actualizados cada 3 anos como esixe o RD 1196/2003 Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves.

Por todo elo , Solicitamos a intervención de Vostede para obter da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia a devandita documentación e que os nosos dereitos a información e a protección sexan respectados.

En Ferrol a 28 de Marzo de 2011

Ler Escrito completo e anexos

 

Valedor do Pobo

Rúa do Hórreo, 65

15.700 Santiago de Compostela

Luz Marina Torrente Lopez, con DNI …., con domicilio …., en nome e representación da “PLATAFORMA DE VECIÑOS CRUCEIRO DE MEHA (MUGARDOS)” co número de CIF …., se dirixe a Vostede e Expón:

Na noite do 19 ao 20 de Abril de 2010 tivo lugar un incendio no complexo petroquímico de Forestal del Atlántico (Punta Promontorio –Concello de Mugardos) apenas a 200 m da Planta de gas de Reganosa no interior da Ría de Ferrol. O incendio ocorreu no mesmo momento no que se procedía a descarga de 58.372 Tons de GNL polo gaseiro “Madrid Spirit”. Esta situación foi de máximo perigo para todos os que vivimos na contorna da Ría, debido ao efecto dominó que puido ocasionar unha explosión nos depósitos de Forestal del Atlántico. Os bombeiros de Ferrol avisados as 00.12 horas do dia 20 conseguiron controlar o incendio despois de dúas horas de traballo. A pesar do ocorrido non se activou o Plan de Emerxencia de Forestal.

En Galiza hai un total de 28 instalacións afectadas pola normativa europea e estatal que esixen ter un Plan de Emerxencias Exterior, das cales só 11 teñen o nivel superior. Destas once instalacións, tres, están situadas en Punta Promontorio no Concello de Mugardos: Forestal del Atlántico, Planta de gas de Reganosa e Imegasa.

A Planta de Gas de Reganosa alberga 150.000 Tons de GNL, o complexo petroquímico de Forestal mais de 280.000 m³ de combustibles e produtos químicos.

No caso que nun barco gaseiro ou nunha destas instalacións se producira un incidente, o barco tería que abortar a descarga de gas e sair a mar aberto tal como obrigan as normativas nunha situación de emerxencia.

O 20 de Abril de 2010 o barco gaseiro “ Madrid Spirit” atopábase atracado nas instalacións de Reganosa para iniciar as manobras de descarga, que realizou por completo ao longo do día 20 (Ver Plan de Operación peche Abril 2010 do Xestor do sistema). No complexo de Forestal do Atlántico, anexo a planta de gas se iniciou un lume antes das 24h do 19. Debido á coincidencia de que, ese mesmo día, houbese unha importante baixa mar, e que o sinistro tivera lugar durante a noite, onde non está permitida a navegación na canle de entrada á Ría, obrigou ao gaseiro a permanecer con toda a carga (58.372 Tons de GNL), amarrado a poucos metros do incendio. Ese día tampouco se activou o Plan de Emerxencia de Reganosa.

Ningún organismo público (Dirección Xeral de Protección Civil, Concello etc..) alertou a poboación nin se pronunciou ao respecto.

Nun medio de comunicación de Ferrol o martes 22 de Marzo do actual, se anuncia que a Xunta de Galicia -catro anos despois da entrada en funcionamento da planta de Reganosa- completará ao longo deste ano o Plan de Emerxencia de Reganosa. O acontecido en Xapón, demostra que os accidentes existen, e que as instalacións van mellorando a súa seguridade aprendendo dos erros e accidentes, aínda que no caso de Reganosa sabemos que esa aprendizaxe pode custar miles de mortes. Razón polo que se presenta aínda máis grave que a seguridade de miles de persoas estea ” protexida “ por un Plan incompleto, mal planeado e que, como se demostrou con ocasión deste incendio, de difícil aplicación.

Os feitos ocorridos desde que se iniciou o incendio na Planta de Forestal del Atlántico, leváronos a dirixirnos ao Director Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia mediante escrito (4 de Maio de 2010) solicitando as oportunas aclaracións dos feitos. A xuntanza, entre representantes da Plataforma de veciños de Mehá, membros do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ria de Ferrol co Director Xeral de Emerxencias e Interior (Antonio Villanueva Álvarez) e o Subdirector (Roberto Suárez Vázquez) tivo lugar o 4 de Xuño de 2010, nela o Director comprometeuse a entregar toda a documentación relativa ao procedemento de avaliación do incidente recollido no protocolo do Plan de Emerxencia Exterior de Forestal, así como tamén a implementar simulacros de emerxencia entre a poboación, ao que están obrigados, e que non fixeron ate agora.

A pesares do tempo transcorrido, e de sendos escritos enviados pola Asociación (17/Xuño/2010 e 19/Outubro/2010) solicitando a devandita documentación, o certo é que a mesma non nos foi entregado nin os plans de emerxencia implementados e actualizados cada 3 anos como esixe o RD 1196/2003 Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves.

Por todo elo , Solicitamos a intervención de Vostede para obter da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia a devandita documentación e que os nosos dereitos a información e a protección sexan respectados.

Se adxuntan os seguintes documentos:

1º.- Escrito da A.VV o Cruceiro de Meha (04/Maio/2010).

2º.- Informe de contestación da Direccion Xeral de Emerxencias e Interior (19/Maio/2010)

3º.- Escrito da A. VV o Cruceiro de Mehá ao Director Xeral de Emerxencias e Interior ( 17/Xuño/2010).

4º.- Informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (12/Xullo/2010).

5º.- Escrito da A. VV o Cruceiro de Mehá ao Director Xeral de Emerxencia( 19/Outubro/2010).

6º.- Plan de operación peche mes de Abril 2010. Enagas xestor do sistema.

En Ferrol a 28 de Marzo de 2011

 

Asdo. Luz Marina Torrente Lopez

ASOCIACIÓN O CRUCEIRO DE MEHÁ – MUGARDOS

 

Mugardos, 04 de maio 2010

Sr. Director Xeral de Emerxencias e interior:

Como Presidenta da Asociación de veciños O Cruceiro de Mehá diríxome a vostede para expresarlle o malestar da veciñanza ante os feitos acaecidos na noite do día 20 de abril na empresa Forestal del Atlántico, situada no Concello de Mugardos e anexa á empresa Imegasa e á Planta de Gas de Reganosa.

Esa noite produciuse na mencionada empresa un incendio do que, polo de agora, non recibimos ningunha información. Ninguén se molestou en dirixirse aos veciños explicando as causas do accidente nin os riscos que correu a poboación.

É comprensible a preocupación que suscitou o tema, dada a proximidade desta empresa ás vivendas, máis aínda cando neses momentos atopábase na planta de gas de Reganosa un gaseiro que descargaba máis de 50.000 toneladas de GNL. Cales serían as consecuencias se durante a descarga se producira unha fuga de gas?

En primeiro lugar entendemos que non funcionou o Plan de Emerxencia Exterior. Ao día de hoxe non sabemos si soou a alarma ou non: hai veciños que oíron, sobre as sete da mañá, unha serea que os alarmou, pensando que viña dunha das empresas instaladas na parroquia, outros, ante o mesmo son, creron que se trataba dun barco.

Se a serea soou, cremos que o fixo moi tarde, varias horas despois de que se iniciara o incendio, e ademais foi confusa, de que vale unha alarma de emerxencia se a poboación non a pode identificar con claridade?

Se non soou, moito peor. Que clase de Plan de Emerxencia Exterior ten a empresa se un incendio de tal envergadura non fixo saltar as alarmas?

Gustaríamos saber cal foi a actuación de Protección Civil ante estes graves fallos.

En 2º lugar lembrar que, como organismo que ten como misión a protección física das persoas e dos bens en situación de graves riscos colectivos, como foi o caso, lle corresponde a difusión de alertas ante accidentes deste tipo. Pero non só lles compete alertar, senón tamén informar e tranquilizar á poboación. Ningunha destas funcións se levaron a cabo nesta situación.

Por último dicirlle que ata hoxe esta asociación estivo esperando algunha chamada dos responsables do Plan de Emerxencia Exterior que lle dera algunha explicación sobre o sucedido. Como isto non ocorreu, somos nós os que nos poñemos en contacto con vostede coa esperanza de que nos conteste o máis axiña posible aportando algunha información que poidamos transmitirlles aos veciños.

Atentamente

Luz Marina Torrente López

 

3

 

DIRECTOR XERAL DE EMERXENCIAS E INTERIOR

XUNTA DE GALICIA

SANTIAGO VILLANUEVA ALVAREZ

15707 – Santiago de Compostela

Asunto: Solicitude de documentación

Datos identificativos: Asociación o Cruceiro de Mehá – Mugardos

Enviamos o escrito para que se nos facilite de forma inmediata a documentación que se solicita.

En Ferrol, a 15 de Xuño de 2010.

Asdo.

Vicepresidente da Asociación o Cruceiro de Mehá

 

ASOCIACIÓN O CRUCEIRO DE MEHÁ

 

 

Mugardos, 16 de xuño 2010

Sr. Director Xeral de Emerxencias e interior:Como Vicepresidente da Asociación de veciños O Cruceiro de Mehá quero transmitirlle o malestar desta asociación trala reunión mantida o pasado día 4 de xuño. As respostas que obtivemos do organismo que vostede preside non conseguiron, en absoluto, disipar as nosas dúbidas en relación ó incendio acontecido na empresa Forestal do Atlántico na noite do día 19 ao 20 do mes de abril.

Chamáronnos especialmente a atención e sorprendéronnos enormemente dúas das súas respostas que, lonxe de tranquilizarnos, aumentan a nosa preocupación:

  • Que o Director Xeral de Emerxencias descoñecía o lugar exacto, dentro da empresa, onde se produciu o incendio.

  • Que non se dea importancia ao feito de que no momento do incendio se atopara nas inmediacións o gaseiro Madrid Spirit descargando máis de 50.000 toneladas de GNL ou que se nos diga que non é responsabilidade dese organismo.

Como as dúbidas sobre o accidente continúan, solicitamos a seguinte documentación co fin de aclarar dunha vez por todas os feitos acaecidos na citada noite:

  • Notificación do Director do Plan de Emerxencia Interior de Forestal do Atlántico dirixida ao Centro de Emerxencia 112 SOS-Galicia, segundo o modelo protocolorizado do Plan Director (Anexo II).

 

  • Informe do Centro de Emerxencia 112 SOS-Galicia dirixido aos técnicos da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, e ao Director Xeral.

 

  • Relación de organismos e persoas aos que se lles comunicou o incendio.

 

  • Informe de avaliación da Dirección Xeral.

 

  • Relación de persoas -incluído nome e cargo- da Dirección Xeral que acudiron ao lugar do incendio.

 

  • Nome do responsable do Plan de Emerxencia do Buque gaseiro

 

  • Si, como Vostede nos comunicou, este organismo non é responsable da seguridade e dos danos que pode producir o buque gaseiro cando está atracado en Reganosa, en caso dun sinistro, solicitamos que se nos informe de cal é o organismo responsable.

 

Esperamos que se nos remitan todos os documentos coa máxima celeridade.

Atentamente

DIRECTOR XERAL DE EMERXENCIAS E INTERIOR

XUNTA DE GALICIA

SANTIAGO VILLANUEVA ALVAREZ

15707 – Santiago de Compostela

Asunto: Solicitude de documentación

Datos identificativos: Asociación o Cruceiro de Mehá – Mugardos

Enviamos o escrito para que se nos facilite de forma inmediata a documentación que se solicita.

En Ferrol, a 19 de Outubro de 2010.

Asdo.

Vicepresidente da Asociación o Cruceiro de Mehá

DIRECTOR XERAL DE EMERXENCIAS E INTERIOR

XUNTA DE GALICIA

SANTIAGO VILLANUEVA ALVAREZ

15.707- Santiago de Compostela

Asunto:

Solicitude de documentación sobre o incendio do 19 de Abril no complexo petroquímico de Forestal do Atlántico.

Referencias:

  • Xuntanza o 4 de xuño na Dirección Xeral de Emerxencia.
  • Solicitude de documentación, escrito de 17 de xuño de 2010
  • Escrito do Director Xeral de Emerxencias de 12 de xullo de 2010

Sr. Director Xeral de Emerxencias e Interior:

Non é estritamente necesario que no accidente interveñan substancias perigosas, xa que o texto da RD 1196/2003, “Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves” , especifica e así o recolle no seu escrito, que tamén se entende por “accidente grave”: “calquera incidente que supoña unha situación de grave risco, inmediato ou diferido, para as persoas, os bens e o medio ambiente, ben sexa no interior, ben no exterior do establecemento”.

Isto quere dicir que non é necesario que o accidente realmente aconteza. O R.D. arriba citado di que só cunha situación de grave risco diferido é suficiente para consideralo accidente grave. O feito de que a menos de 100 metros de onde tivo lugar o incendio estivera descargando un gaseiro con máis de 130.000 m³ de GNL, é motivo suficiente para activar o Plan de Emerxencia.

Si se reafirman en negar a existencia de risco algún, a Xunta de Galicia debería contratar un seguro de vida contra accidentes orixinados en Punta Promontorio (Reganosa, Imegasa, e Forestal do Atlántico) para cada un dos habitantes de Ferrolterra. Se as aseguradoras coincidiran en considerar un risco desprezable, como fai a Protección Civil, o importe das primas sería simbólico, polo tanto, totalmente asumibles por esa Dirección Xeral.

É posible que a Xunta de Galicia non sexa responsable da seguridade marítima do porto de Ferrol ao ser este de titularidade estatal, pero é responsable, de acordo co Decreto 277/2000 a través da Consellería de Xustiza, e máis en concreto, da Dirección Xeral de Protección Civil da seguinte función: ” Asegurarse de que as persoas que puideran verse afectadas por un accidente grave reciban información sobre as medidas de seguridade que deben tomarse e sobre o comportamento que debera adoptarse no caso de accidente, revisando dita información cada tres anos”.

Polo tanto, aínda que a Xunta de Galicia non sexa a responsable directa da Seguridade Marítima, si que o é de coñecer e identificar todos os posibles riscos derivados da navegación de buques pola Ría e informar periodicamente aos veciños afectados. Para elo deberán instar aos responsables directos e esixir a elaboración dun Plan de Emerxencia para os buques que descargan e navegan con mercadorías perigosas polo interior da Ría de Ferrol, e manter informada á poboación.

Considerando que os veciños de Mehá estamos sometidos a un grave risco e polo que solicitamos:


a) A tramitación dun seguro colectivo para cubrir os riscos en Punta

Promontorio.

c) Mentres non se elabore un plano de emerxencia para os buques que navegan polo interior da Ría de Ferrol cargados con mercadorías perigosas, débese instar ás autoridades responsables para que interrompan este tránsito.

b) Información detallada dos riscos derivados da navegación de buques gaseiros cargados na Ría de Ferrol e na súa canle de entrada.

Dado o compromiso adquirido pola Dirección Xeral – xuntanza mantida o pasado 4 de xuño connosco- de entregar a documentación relativa ao procedemento de avaliación do incendio e de implementar simulacros de emerxencia, sen que até agora cumprira o devandito compromiso e polo que lle reitero o cumprimento do mesmo, incluída a documentación solicitada no noso escrito do 17 de xuño ( rexistro de entrada nº 19691)

Notificación do Director do Plan de Emerxencia Interior de Forestal do Atlántico dirixida ao Centro de Emerxencia 112 SOS-Galicia, segundo o modelo protocolorizado do Plan Director (AnexoIII).

  • Informe do Centro de Emerxencia 112 SOS-Galicia dirixida aos técnicos da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil e ao Director Xeral.

  • Relación de organismos e persoas ós que se lles comunicou o incendio.

  • Informe de Avaliación da Dirección Xeral.

  • Relación de persoas – incluído nome e cargo- da Dirección Xeral que acudiron ao lugar do incendio.

  • Nome do responsable do Plan de Emerxencia do buque gaseiro.

De acordo ao art. 13.3 do R.D. 1254/1999, lei Seveso, solicitamos unha copia do informe de Seguridade de Forestal do Atlántico que serviu de base para a elaboración do PEE. Por suposto, nel pódense omitir datos que afecten á seguridade ou confidencialidade da empresa.

Atentamente
Mugardos, 15 de outubro de 2010

Asdo.

Vicepresidente da Asociación O Cruceiro de Mehá

Advertisements
Explore posts in the same categories: Comunicados Comité Cidadán

Etiquetas: , , ,

You can comment below, or link to this permanent URL from your own site.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: