Resposta ao Sr. Couce Pereiro, ExAlcalde de Ferrol, ao seu artigo sobre Reganosa

DEBE ACABAR A AMEAZA REGANOSA (TORRES MÁIS ALTAS CAERON…)
RESPOSTA A DON MANUEL COUCE PEREIRO, EX ALCALDE DE FERROL
“Nunca las gentes de estas tierras se opusieron a que Reganosa se instalase en esta zona; es más, el Ayuntamiento de Ferrol, ofreció terrenos en Prioriño a esa planta regasificadora.”, afirma o devandito, nun artigo de opinión publicado pola Voz de Galicia.
Sr. Couce, vostede debera saber que a localización da planta en Caneliñas (Porto Exterior) decidiuse unha vez realizado o correspondente estudo de riscos – que descartou precisamente o interior da Ría – o emprazamento someteuse á preceptiva “Declaración de Impacto Ambiental”.
Primeira precisión: os terreos en Caneliñas-Prioriño Chico foron cedidos pola Mariña no ano 1993, non polo Concello.
Claro que ninguén se opuxo ao proxecto situado en Caneliñas; pero non como di vostede, con premeditada ambigüidade, “en esta zona”, dando a entender “interior da ría”, ou, ¿por qué non en plena praza de España ? Máis tarde, engade: “El señor Tojeiro y Fraga se llevaron el gato al agua, decidiendo relocalizar la planta en Punta Promontoiro”
Efectivamente, o Sr. Tojeiro e Fraga, decidírono saltándose toda a legalidade vixente contemplada no RAMINP, sen facer a correspondente “Declaración de Impacto Ambiental”, a diferenza do que se fixo nas plantas de Bilbao e de Sagunto.
Permitímonos lembrarlle ao Sr. Couce que, en sentenza inapelable do 12 de Maio de 2012, o Tribunal Supremo determinou a ilegalidade da planta, anulando a modificación puntual da PXOM que serviu de base para a súa construción.
¿Por qué decidiron os seus responsables relocalizala no interior da Ría? Moi sinxelo: porque iso – riscos aparte, para eles mínimos: non vivían alí nin arriscaban as súas vidas ou as das súas familias – permitíalles dar un pelotazo de 30 millóns de euros, coa transferencia da parcela e a trasmisión da concesión portuaria entre Forestal e Reganosa (casualmente cun mesmo promotor). Todo queda reflectido puntualmente no libro “Muros de Silencio. Corrupción e ameaza na Ría de Ferrol”, publicado en 2007 pola Asociación Fuco Buxán.
Di vostede que, “unos idealistas mitológicos, nos anuncian que una explosión nos haría saltar por los aires, pero los estudios serios no acreditan ese drama. Es el mensaje a transmitir………. Me cuentan que Reganosa con la nueva tecnología es un reloj suizo…”
A estas alturas, Sr. Exalcalde, xa contan os Reganosa boys cun novo converso: vostede, que corea, alegremente aquilo que os promotores de Reganosa afirmaban no seu día: segundo eles, o gas natural non arde nin estoupa…
Sexamos serios: se non existise ningún risco, pode explicar ¿por qué Reganosa é unha das 11 empresas – entre máis de 1.900 do sector industrial galego – que están obrigadas a realizar un Plan de Emerxencia Exterior, como esixencia da Directiva Europea 96/82/CE? ¿Esqueceuse seica, Sr. Couce, que outras dúas desas 11 empresas clasificadas como perigosas están no polígono de Punta Promontorio nun radio de 500 m ao redor da planta de regasificación? A razón de estar obrigadas a presentar plan de emerxencia é porque un posible accidente pode provocar danos no exterior do recinto propio de cada unha.
A conclusión evidente é que, nesa zona, a menos de 2.000 m da Praza de Armas, concéntrase unha insensata acumulación de riscos, agravada polo posible efecto dominó entre elas.
A planta de Reganosa alberga 150.000 toneladas de GNL, xusto á beira dun complexo petroquímico de 300.000 m³ de combustibles e produtos químicos. Todo iso, atópase situado a pouco máis de 100 m das casas do núcleo de Mehá, a 800 m do Arsenal Militar, a 900 m do núcleo urbano de Mugardos e as consecuencias dun accidente poderían ser dantescas. Cando un camión cisterna de 25 Tons. de GNL envorca nunha estrada, o primeiro que fan os servizos de emerxencia é establecer un perímetro de seguridade de 600 m… Nós falamos de riscos para a poboación; aos seus “responsables” só parece importarlles o beneficio puro e duro…
Sr Couce: a planta de gas de Reganosa en Punta Promontoiro non só é unha instalación ilegal. É perigosa; unha ameaza letal para a poboación de Ferrolterra . Unha fuga ou unha explosión causaría unha traxedia de miles de vítimas, porque non hai plan de emerxencia capaz de impedilo.
A planta de Reganosa constitúe, de forma flagrante, un caso de corrupción político-financeira só posible pola complicidade de institucións como a Xunta de Galicia, Autoridade Portuaria, Concello de Mugardos, Concello. de Ferrol, etc.
A planta de Reganosa, cuxo funcionamento non pasa do 35 % da súa capacidade, demostrouse deficitaria. Custounos preto de 500 millóns de euros que levamos pagados á cobiza allea, nun marco de crise desoladora para a poboación. Forma parte da estafa denominada “déficit enerxético”, aprobado polos gobernos PP-PSOE, que fai que os cidadáns paguemos a enerxía máis alta de Europa para que as empresas enerxéticas e a banca se forren á nosa costa.
¿Por qué se mantén pechada a entrada de gas por gasoduto a Galicia, tal como facíase antes do 2007, gasodutos que teñen a capacidade suficiente e que permanecen pechados desde entón?.
¿Por qué os ciclos combinados (700 millóns de euros) ,”xustificados” para que se aprobase a construción da planta, non pasan de producir o 10% da súa capacidade?.
¿Por qué os promotores de Reganosa comprometéronse a fornecer o 80% da súa capacidade aos ciclos combinados e ao grupo industrial que Tojeiro crearía, tendo en conta que o devandito grupo non consome nada e os ciclos o 4%?
Todo resultou ser unha xigantesca mentira, Sr. Couce Pereiro, co único fin de obter a preceptiva autorización.
¿Por qué Reganosa usa un sistema de regasificación – non autorizado no proxecto de construción aprobado – que esteriliza e arrefría miles de toneladas de auga da ría, pondo en perigo flora e fauna mariña, pan até agora de moitas familias da zona?
¿Por qué o mesmo grupo industrial Tojeiro (Forestal ) ten autorizado seguir vertendo á Ría 27 millóns de toneladas/ano de residuos altamente contaminantes, sen depuración previa algunha? ¿Por qué non se tivo en conta semellante volume de vertedura no Plan de Saneamento Integral da Ría?
E xa postos ás preguntas incómodas, Sr Couce Pereiro: ¿por qué o exdirector de Caixa Galicia, responsable da súa bancarrota e que levou 18 millóns de euros a casiña, pertence ao seu Consello de Administración?
Vostede, por motivos facilmente adivinables, prefire esconder esta sanguenta realidade da Ría de Ferrol, consecuencia da ambición duns poucos e, ao facelo, ingresa, por propia vontade, nun pelotón pouco recomendable. Sr. Couce Pereiro, vostede elixiu formar parte dese grupo de individuos responsables da política corrupta das últimas décadas, da que a planta de Reganosa supón o caso máis paradigmático nesta comarca. Vostede figura xa na triste relación de defensores da política de desmantelamento industrial que conduciu a que esta sexa a comarca de máis paro de Galicia; daqueles que perpetraron a reconversión do sector naval para “modernizarnos e diversificarnos”; dos responsables da destrución ambiental da nosa Ría; das voces cantantes dunha política que autoriza a ese mesmo grupo industrial a seguir envenenando a nosa Ría con decenas de miles de toneladas de verteduras sen depurar; dos mesmos que permitiron asaltar a lei para meternos unha bomba debaixo da cama: esa planta na Ría que ía relanzar a comarca: “traballo para todos”, era a cantilena das catro estacións.
A loita do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol contra a ameaza da planta de Reganosa continúa, e non cejará ata que cese a súa actividade e sexa desmantelada coa Lei na man.
Afortunadamente, a conciencia da cidadanía en contra da corrupción en xeral e do caso Reganosa en particular, tamén avanza e fainos máis fortes.
Estamos seguros de que conseguiremos levar diante dos tribunais a esta caste de corruptos para que sexan xulgados, e, no seu caso ingresen en prisión e devolvan o roubado.
Ferrol a 24 de Decembro de 2014
Fdo. Manuel A. Rguez. Carballeira Luz Mariña Torrente Lopez
(Cordinador do CCE) ( Pdta. Plataf. Veciñal O Cruceiro – Mehá)

Advertisements
Explore posts in the same categories: Comunicados Comité Cidadán

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s


%d bloggers like this: