Archive for the ‘Comunicados Comité Cidadán’ category

O CCE denuncia incumprimento da Normativa de Seguridade en REGANOSA

Outubro 30, 2019

O Comité Cidadán de Emerxencia, presentóu denuncia ante a Dirección Xeral da Mariña Mercante (Dependente do Ministerio de Fomento) polo grave incumprimento  da normativa de seguridade sucedido en REGANOSA, o pasado día 27, coincidindo a descarga do gaseiro “Valencia Knutsen”  co Quimiqueiro “Baltic Wave” que maniobraba e atracaba a 180 metros, sendo a distancia mínima exixida de 200 metros.

Incúmplese tamén, como se ven facendo desde 2014, a obrigatoriedade de manter un remolcador de asistencia nas inmediacións do gaseiro, para axudarlle a sair caso de emerxencia.

É a 6ª ocasión que se producen estas anomalías e a 3ª que este CCE denuncia, con caso omiso por parte da Administración.

Este CCE lembra, que en caso de accidente, agravado por un efecto dominó entre a proximidade de ambos buques e a Planta de Forestal do Atlántico, a poboación afectada nun radio de 2.000 m, (Mugardos, O Seixo, Ferrol), sería de máis de 30.000 persoas.

Ver documento completo:  https://drive.google.com/open?id=1AgmLfxS65abFIiUKsf-9E-XUW47FbEme

Nota de Prensa do CCE sobre o Xuizo a funcionarios da Xunta polo dragado da Ría de Ferrol

Outubro 25, 2019

NOTA DE PRENSA

Comezan a aflorar as tramas de corrupción que permitiron e permiten a existencia de Reganosa

Estes días celébrase en Compostela o xuízo contra altos funcionarios da Xunta de Galicia que no ano 2011, ocultaron un informe da propia administración, que dicía que o dragado da Ría de Ferrol  era “ambientalmente incompatible coa conservación dos hábitats e especies protexidas”.

A denuncia interposta pola asociación ecoloxista ADEGA, di que o informe técnico do Servizo de Conservación da Natureza que desaconsellaba a dragaxe nunha zona protexida da Ría de Ferrol foi “reiteradamente ocultado pola Xunta”.

A Fiscalía de Medio Ambiente denunciou o sucedido, iniciando unha investigación na que acusa a Carlos Muñoz, daquela xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, e Rogelio Fernández Díaz, ex-subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, de falsificar documentos “co único obxectivo de xustificar ante a Fiscalía a non incorporación á Declaración de Impacto Ambiental do informe que debería ter emitido a Dirección Xeral da Natureza” e así poder levar a cabo a dragaxe.

Reganosa acumula un rosario de ilegalidades, corruptelas e tramas, mil veces denunciadas por este Comité. Todo coa colaboración necesaria dunha parte de políticos, institucións e prensa. Irregularidades e ilegalidades que mereceron cinco sentenzas do Tribunal Supremo.

Estes días, despois da 5ª sentenza do Tribunal Supremo; diante do xuízo, onde se xulga un presunto delito de ocultación e falsificación de documentación, onde se inclúe presións a funcionarios por parte de altos cargos da Xunta de Galicia; despois de térense presentado case 300 alegación de grupos políticos, asociacións e particulares, en contra da concesión de novos permisos, oímos voces da clase política e empresarial, apoiando a continuidade da Planta na Ría de Ferrol, e se verten na prensa calumnias contra este Comité.

Reganosa conseguiu até agora burlar a xustiza, porque para esta instalación as sentenzas non están para cumprirse. O tempo vai demostrando, tras máis de 20 anos de loita e denuncia, que Reganosa, ademais de ilegal e perigosa, é o maior caso de corrupción político-económica da historia recente do noso país, que comezou co pelotazo urbanístico do Grupo Tojeiro, embolsándose perto de 30 millóns coa recalificación e venda dos terreos.

Reganosa é tamén o exceso que pagamos na factura da luz e o gas (700 millóns de euros que levamos pagado pola súa baixa actividade). Agora que o sistema gasista, sinala a Reganosa como innecesaria, o Supremo como ilegal, e un sector da poboación coas súas organizacións ao frente a sinalan como perigosa, é o momento de paralizala e esixir responsabilidades a quen permitiu esta barbaridade.

Ferrol a 25 de outubro de 2019

A o noso compañeiro Pepe Leira

Outubro 24, 2019

SONY DSC

Onte finou o noso amigo e compañeiro, o profesor e poeta Xosé Leira, con quen tantas loitas compartimos contraq o despropósito e ameaza dunha Planta de Gas situada ilegalmente no centro da nosa Ría e das nosas Vidas.

Pepe Leira estivo sempre presente co seu apoio, os seus poemas e as súas acertadas verbas en todos os acontecementos importantes que este Comité Cidadán de Emerxencia organizou nos case 20 anos de actividade. A súa memoria seguirá sempre connosco. Descanse en Paz, e unha forte aperta solidaria a súa familia e amizades.

 

MF3-1119

MF3-1119

SONY DSC

Resumo da Rolda de Prensa de hoxe sobre as autorizacións solicitadas por REGANOSA

Outubro 4, 2019

Nota de prensa do Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol

19 asociacións e colectivos presentan alegacións contra as novas autorizacións solicitadas por Reganosa. 

A maiores das 240 alegacións presentadas a título individual diante da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, son 19 as asociacións, colectivos e grupos políticos que se personaron como alegantes, solicitando o feche da planta e a non concesión de novas licencias e autorizacións, incluíndo alegacións á aprobación da avaliación de impacto ambiental, presentada pola empresa. Estes colectivos son:

 A.VV O Cruceiro de Mehá,  A.VV Cuco Ruiz de Cortazar (Caranza), A.VV Nuestra Señora do Socorro (Ferrol Vello),  A.VV. O Rosario (Inferniño),  Confraría de Pecadores e Mariscadores de Ferrol,  A.C. Fuco Buxán, A.C. Muiño do Vento,   Fundaçom Artábria,  Coletivo Sociocultural A Revolta de Trasancos,  Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA),  Asociación Ecoloxista Verdegaia,  Asociación Ambiental Petón do Lobo (Corcoesto) ;  Federación Ecoloxista Galega,  Podemos Ferrol, Executiva PSdeG-PSOE Ferrol,  Grupo Municipal do BNG Concello de Ferrol,  EU Ferrol,  Grupo En Marea,  Ferrol en Común

O Tribunal Supremo ten declarado a ilegalidade da planta en cinco sentenzas, aínda así, a planta regasificadora de Mugardos, está funcionando sen ter nin unha soa autorización en vigor para facelo.

1ª  Sentenza de maio de 2012, Anulando a modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana que servira de base para a concesión das autorizacións, recurso de casación 4512/2008.

2ª Sentenza 695/2016 do 28 de marzo de 2016  anulando a Autorización Administrativa Previa concedida pola Dirección de Política Enerxética o 2 de xuño de 2002.

3ª Sentenza do 25 de abril de 2016, 889/2016 anulando o Proxecto de Execución outorgado pola Dirección de Política Enerxética e  Minas no 2004.

4ª Sentenza do 26 de xuño de 2016, 1966/2016 do Supremo anulando o Plan de Emerxencia Exterior.

5ª Sentenza firme do 17 de xullo de 2019, que declara contraria a dereito a exención do trámite de avaliación de impacto ambiental aprobada polo  Consello de Ministros do 27 de maio de 2016.

Agora Reganosa acude novamente á administración para intentar nun tempo récord o que non conseguiu nestes 20 anos, tapar a ilegalidade que supón ter esta instalación dentro da Ría de Ferrol. Reganosa nunca poderá cumprir os requisitos que se lle requiren a unha instalación destas características, instalada ao carón dun complexo petroquímico; á beira dunha poboación separada a escasos 100 metros das instalacións; perto dun arsenal militar, na contorna dunha ria poboada por máis de 100.000 persoas, e dentro dunha ria con características de navegabilidade limitadas. Só a ambición dos grupos promotores, principalmente o Grupo Tojeiro, e a complicidade e corrupción dos políticos que os avalaron, fixeron posible a construción e posta en marcha desta instalación.

Reganosa pretende ocultar toda esta realidade e solicita novos permisos, mesmo con defectos de vulto nos documentos que presenta para elo. Tamén pretende ocultar o efecto que no ecosistema da ria está a ter a tecnoloxía que usa de tratamento da auga con hipocloritos, que devolve á ria a moi baixa temperatura. Pretende tamén ocultar o dragado que realizou nunha zona de alto valor ecolóxico; os cambios nas normativas de navegabilidade para favorecer a entrada de gaseiros con GNL; o incumprimento desas mesmas normas, e moitas outras irregularidades e ilegalidades que van recollidas neses documentos de alegacións presentados ante a Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.

Desde o Comité Cidadá de Emerxencia, queremos chamar a atención sobre o que supón ao longo destes anos manter unhas instalacións contra toda legalidade. Esta mesma semana, ante a entrada dun novo gaseiro, presentabamos unha nova denuncia ante o Fiscal Delegado Autonómico da Área de Medio Ambiente e Urbanismo. Se engadimos que un dos socios maioritarios é a propia Xunta de Galicia, estamos definindo as características do que pode ser o máximo expoñente de corrupción política das últimas décadas.

Unhas instalacións que seguimos argumentando, son innecesarias (só funciona ao 20% da súa capacidade, podiamos abastecernos polo gasoduto de Tui), perigosas (un accidente na planta ou nun gaseiro tería consecuencias impredecibles, aumentadas polo efecto dominó do complexo petroquímico e arsenal militar) e moi custosas (máis de 61 millóns de euros anuais que cobra do sistema gasístico só pola capacidade de almacenamento).

Cumpre recordar que as plantas regasificadoras como Reganosa, están catalogadas como aceleradoras do cambio climático. A produción de GLN expulsa á atmósfera cantidades importantes de gas metano, un dos máis activos no efecto invernadoiro. E o impacto sobre o ecosistema da ria está demostrado, pola cualificación que ten de “biocida”, o sistema utilizado para a súa refrixeración.

Fai escasos dias mantivemos, a petición súa, unha reunión co Comité de Empresa de Reganosa, donde os traballadores amosaronos a súa preocupación. O Comité Cidadán explicoulles as razóns de porque a planta ten que saír da Ría e conminamos aos socios maioritarios desta empresa, principalmente á Xunta de Galicia, que se responsabilice da situación creada, e paralice o funcionamento desta instalación ilegal, dando ao mesmo tempo, unha solución laboral, á plantilla dos traballadores e traballadoras que a manteñen funcionando.

Ferrol, 4 de outubro de 2019

Roda de Prensa do CCE e Unidas Podemos: Iniciativas Parlamentarias sobre REGANOSA

Agosto 28, 2019

Hoxe no Ateneo Ferrolán, o grupo confederal de Unidas Podemos- En Comù Podem- Galicia En Común, acompañados do Comité Cidadán de Emerxencia, presentaron ante os medios de comunicación, varias iniciativas parlamentarias en torno á Planta de Gas de REGANOSA, logo da Sentenza do Tribunal Supremo de 17.07.2019, declarando contraria a derecho a exención do trámite de Avaliación de Impacto Ambiental que o Goberno en funcións de Rajoy aprobara no 2016.

Esta é a 5ª Sentenza do Supremo en contra da Planta de Gas e en consonancia coas teses que o CCE ven defendendo desde hai case 20 anos.

Pregunta escrita Reganosa ➡ https://bit.ly/2NBW3C0

PNL sobre Reganosa ➡ https://bit.ly/2ZoyF1i

Audio da Roda de Prensa

https://drive.google.com/open?id=1bkCn5ksbplyR0ZLw3WxUjGdZThXNbLDo

Nas fotos: Yolanda Díaz e Gómez Reino, Deputadxs e o Senador Sande.

Polo CCE: Luzmarina Torrente, Manuel A. Rdgz. Carballeira e Carlos Álvarez.

Contido da Roda de Prensa de hoxe

Xullo 19, 2019

Hoxe, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, compareceu ante os Medios de Comunicación, para facer a súa valoración da recente sentenza do Tribunal Supremo que anula o acordo do Consello de Ministros do 29.05.2016 polo que, o goberno en funcions de Rajoy, excluíu á Planta de Gas da tramitación ambiental para que seguira funcionando, logo das anulacións polo Supremo das diferentes  autorizacions outorgadas (modificación do Plan de Urbanismo, administrativa previa, de construcción e Plan de Emerxencia).

Transcribimos o exposta na Roda de Prensa:

Nota de Prensa do C.C.E

O Supremo anula a Resolución do Consello de Ministros que permitiu que continuase o funcionamento da planta de gas de Reganosa.

A planta de gas de Reganosa aséntase nun cúmulo de ilegalidades, esta é a quinta sentencia do Supremo na súa contra. Agora, en sentenza inapelable 1075/2019 a sección quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, ven de anular a Resolución do Consello de Ministros do 29 de Maio de 2016 polo que o Goberno en funcións de Mariano Rajoy, acordou excluír á planta de gas de Reganosa da tramitación ambiental, alegando carácter de urxencia para que seguira funcionando, incorrendo en manifesta ilegalidade, logo de que o Supremo anulara en catro sentenzas firmes anteriores, as diferentes autorizacións outorgadas a Reganosa: modificación do Plan de Urbanismo, administrativa previa, autorización de construción e Plan de Emerxencia.

Esta sentenza que anula o acordo do Consello de Ministros, non é un papel máis, xa que esta resolución agora declarada ilegal, permitiu tramitar de urxencia as novas licencias de funcionamento da planta, permitindo que Reganosa seguira funcionando dende maio de 2016 ata agora. A novidade desta sentenza, radica en que ao declarar nulo este acordo, as autorizacións concedidas dimanantes do mesmo, carecen de apoio legal e deberán ser anuladas. Estas novas autorizacións concedidas a Reganosa en 2016 a partires desta resolución anulada polo Supremo, xa están recorridas polo CCE,e esta nova e quinta sentenza xa se incorporou ao expediente do recurso.

As novas autorizacións – conseguidas por Reganosa – caerán coma un castelo de naipes.

Doutra banda está demostrado que a planta de Reganosa é innecesaria para o sistema gasista. A súa produción media está por baixo do 25% da súa capacidade. Os gasodutos existentes, agora pechados, teñen capacidade suficiente para garantir a demanda galega. O exceso de capacidade que representa Reganosa, encarece o recibo da luz, e o recibo do gas. A planta cústanos máis de 60 millóns de euros ao ano, só para beneficio dos socios de Reganosa, entre os que está a Xunta de Galicia.

Esta instalación non é só un problema administrativo máis, a súa actividade representa un perigo real para o conxunto da poboación da contorna, e unha agresión continua ao ecosistema da ria, polo tanto o cesamento da súa actividade redundará na seguridade das persoas e do medio ambiente.

Por todo isto, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCE) demanda a execución da sentenza. Grazas a esta sentenza, a partir de agora a Ría de Ferrol pode mirar un futuro moito mellor.

Ferrol a 19 de xullo de 2019

INICIATIVA PARLAMENTARIA SOBRE REGANOSA

Xullo 12, 2019

Iniciativa presentada hoxe polo Grupo Confederal de Unidas Podemos – En Comú Podem – Galicia en Común, diante a falta de viabilidade da planta de gas de REGANOSA en Mugardos.