Posted tagged ‘ampliacion Reganosa’

Nota do CCE sobre a ampliación de Reganosa

Abril 1, 2015

comitecidadan  Ante as noticias difundidas por Reganosa e a Xunta de Galicia sobre unha posible ampliación da capacidade de almacenaxe e regasificación de Reganosa o CCE quere aclarar á cidadanía de Ferrolterra o seguinte:
A demanda de gas para a xeración eléctrica e para consumo convencional está en descenso continuado desde o ano 2008. A produción anual da planta de gas de Reganosa ven diminuíndo progresivamente desde a súa posta en funcionamento (informe de Enagas 2014). O ratio de utilización da planta de Mugardos segue diminuíndo cada ano. De feito durante o ultimo ano 2014 foi do 28.6%.
A pesares da escasa produción de Reganosa, de que a demanda de consumo de gas non se prevé que suba senón que baixe, os promotores de Reganosa pretenden duplicar a capacidade de regasificación da planta, argumentando unha necesidade ficticia de gas para xustificar un aumento da capacidade de produción. Non hai mais motivo que acadar unha maior retribución fixa, xa que o sistema gasístico do estado español, retribúe ás empresas gasísticas en función da capacidade de produción outorgada, non da produción real.
A Xunta de Galicia do PP como socia de Reganosa, avala a ampliación da planta de Reganosa que non se sustenta en dato algún, inflando a burbulla enerxética, e o chamado Déficit enerxético ( avaliado actualmente en 30.000 millóns de euros): unha estafa á cidadanía que fai que paguemos a enerxía mais cara de Europa.
As empresas do sector enerxético, coa complicidade dos gobernos veñen realizando a construción de infraestruturas enerxéticas, lonxe de calquera tipo de planificación razoable, sumando unha capacidade de xeración eléctrica que duplica as necesidades do pais e deberán ser pagadas pola cidadanía. Segundo estudosos do tema, o volume de beneficio do oligopolio das 5 empresas enerxéticas nos últimos 10 anos, acada os 40.000 millóns de euros.
A planta de gas de Reganosa é unha instalación ilegal (segundo sentencia do Supremo de Maio de 2012), perigosa porque ameaza a vida de miles de persoas e innecesaria, porque nos custa perto de 60 millóns de euros/ano, de déficit contable. Dende a súa posta en funcionamento levamos pagado 500 millóns de euros: a pretendida ampliación suporía o incremento do custo para nós, cidadáns e cidadás debido a que o déficit da instalación tamén aumentaría.
A Xunta de Galicia de Feijoo, un dos artífices do desmantelamento industrial (sector naval) que conducíu a que ésta sexa a comarca de máis paro de Galicia, acorda subvencionar a Reganosa. Hai que lembrar que un dos socios principais, Gas Natural-Fenosa, constrúe os gaseiros en Asia. A Xunta de Feijoo é co-responsable, xunto ao Grupo Tojeiro, da destrución ambiental da nosa Ría. Agora autoriza a ese mesmo grupo industrial a seguir envelenándoa con decenas de miles de toneladas de verteduras sen depurar (Forestal do Atlántico), e a utilizar fraudulentamente un sistema de regasificación nocivo (Reganosa) e non previsto no proxecto..
A planta de gas de Reganosa constitúe un caso flagrante de corrupción politico- financeira, unha estafa á cidadanía. A impunidade destes grupos económicos só é posible pola complicidade de institucións como a Xunta de Galicia e do goberno central. Esta instalación incumpre a normativa máis básica de seguridade industrial e medioambiental, os problemas que formula son insubsanables, por iso o CCE esixe o desmantelamento da planta de Reganosa.
A pretendida xustificación dun novo negocio do GNL como é o bunkering a barcos que navegan cara as zonas ECA é unha manipulación clara debido ás dúbidas que os armadores están manifestando para substituír os combustibles tradicionais polo GNL, e en calquera caso si fose exitosa no futuro esta alternativa de propulsión supoñería un maior tráfico de gaseiros cargados pola ría aumentando consecuentemente os riscos para a cidadanía.
É unha irresponsabilidade que o conselleiro de industria e o presidente de Reganosa, anuncien tamén a posibilidade no futuro da navegación pola ría de Ferrol de calquera tamaño de buques gaseiros, incluíndo, supoñemos, os de tipo Q-max e Q-flex, xa que a perigosidade que agora xa supón a navegación de gaseiros cargados, calquera situación de risco en relación á marea, veríase incrementada ao navegar buques de maior tamaño. O desprezo pola vida e a seguridade da poboación da nosa ría de Ferrol é patente con estas declaracións.
Ferrol a 1 de Abril de 2015

Artigo de R.Pillado: “O pleno de Ferrol se desentende…”

Maio 7, 2009

2x1

Artigo publicado o 7.05.2009 no “Diario de Ferrol”

O Pleno Municipal celebrado en Ferrol o fin de mes, no que se tratou o tema da planta de gas de Reganosa, se desentende.
A moción presentada por Esquerda Unida, en contra da pretensión de Reganosa de ampliar a súa capacidade de gasificación, pasando dos 325.000 m3/h inicialmente concedidos aos 825.600, foi rexeitada polo Pleno. Os sete votos do PP, máis dous do BNG en contra, e a abstención dos nove votos do PSOE, impediron que os catro de EU, máis tres de IF, sacaran adiante aquela moción.
¿Pero, de que se trataba?
A cuestión é que o Ministerio de Medio Ambiente recibiu de Reganosa unha proposta de ampliación da súa capacidade regasificadora.

Canta máis cantidade autorizada, máis cobran, independentemente da cantidade que produzan. En base a esa proposta, o Ministerio se dirixe a tódolos Concellos da comarca e diversas asociacións, entre elas Fuco Buxán, para consultar “si el proyecto debe someterse o no al procedimiento de evaluación de impacto ambiental”, como establece a Lei.
Teñamos presente que, de aprobarse esa pretensión de Reganosa, se disparará o perigo das instalacións gasísticas, se multiplican os riscos polo incremento da entrada e saída de gaseiros e dende logo, acelérase a destrución da ría polo volume de auga sustraída e esterilizada.
É chamativo que ningunha das forzas políticas contactadas polo Comité Cidadán de Emerxencia tivesen a menor información sobre esa consulta do Ministerio. E si outros Concellos da comarca a recibiron, lóxico é que o de Ferrol a tivera tamén. ¿Como é posible que se escondera? ¿Como se pode xogar con un tema sumamente perigoso como é este?

En calquera caso, a presentación da moción era suficiente alarma como para que ninguén ignorase a cuestión. ¿Cabe mirar para outro lado?
Se comezamos polo goberno municipal, teremos que dicir que peca de irresponsabilidade. Primeiro por non dar a coñecer a tódolos grupos a consulta. Segundo, e aínda máis grave, por non pronunciarse non so ó respecto do perigo, senón do cumprimento da Lei ¿Como xustificarán o seu silencio no caso dun accidente? ¿Que dirán ás vítimas no caso de producirse? A abstención do grupo socialista non ten explicación. ¿Ten dúbida de se debe aplicarse a Lei a unhas instalacións altamente perigosas? Lamentable. Nin sequera se lles preguntaba si estaban de acordo ou non con Reganosa. Nin arre, nin só
Pero por outra banda, o actual Secretario Xeral do PSdeG e anterior Conselleiro de Medio Ambiente recoñecía tras a derrota electoral que se equivocaran en dous temas clave, a Planta de Gas e a Cidade da Cultura. Se iso é así, diante dun erro, so cabe correxilo. Non foi o caso.
A posición do PP pode explicarse facilmente. Fraga e os seus socios foron quen de aprobar a instalación da planta no interior da ría e seguen sendo fieis a ese compromiso. Dende logo, esa fidelidade non é con quen vivimos e traballamos nesta comarca. Impórtalles un rábano o que pase coa poboación circundante.
É menos explicable o voto negativo do BNG, sumándose ao PP. O seu portavoz , señor Pita, pechou o tema dicindo que a cuestión “está moi debatida”. Olvidábase que un tema desta
envergadura nunca está debatida de máis. E vai estar presente na vida política mentres estas instalacións non saian do interior da ría de Ferrol.
Pero, ademais, contradícese co manifestado por Paco Rodríguez no vídeo “O salario do silencio”, no que dicía: “… calquera redimensión da planta non se tolerará, eso si que o temos claro, se se vai redimensionar, a nosa posición será que non”. ¡Ve señor Pita, as cousas teñen recorrido, non están debatidas para sempre! Nen sequera tiña en conta aquelas declaracións. Mandan máis os poderes fácticos. E parece que a derrota electoral non se debe a ningún erro. Deberá clarificalo.
Independentes por Ferrol e Esquerda Unida, co seu voto, expresaban a actitude coherente e valente que veñen mantendo dende sempre porque a Planta de Reganosa saia do interior da Ría.
Pola súa banda, o Comité Cidadán de Emerxencia, a través das diferentes asociacións, conclúe no seu RECURSO que non cabe conceder autorización de ampliación de Reganosa, porque esa planta non ten feito estudio de impacto ambiental, e polo tanto, é ilegal.
Non se entende a deixación do Pleno nun tema que pode afectar a miles de persoas desta comarca. Esa renuncia é imprudente e irresponsable. A nosa vida está en xogo.

 Rafael Pillado, é membro do C.C.E. e Vicepresidente da A.C. “Fuco Buxán”.

 Intervención do Sr. Pita, Voceiro do G.M. do BNG no Concello de Ferrol

(Enlace ao vídeo)