Posted tagged ‘cOVID-19’

Comunicado do CCE sobre a “Comisión de Expertos” COVID-19 do Goberno Galego.

Abril 20, 2020

Nota de Prensa do C.C.E

Ante o anuncio de que o Goberno Galego conformou unha “Comisión de Expertos” para asesorar sobre a recuperación económica e minimizar o impacto da crise do Covid-19, e de nomear ao Sr. Emilio Bruquetas Serantes Director Xeral de Reganosa para formar parte de dita Comisión, o Comité Cidadán de Emerxencia para la Ría de Ferrol ante este nomeamento desexa facer públicas as seguintes consideracións:

1º Reganosa é unha empresa ilegal que carece de autorización para o seu funcionamento despois de que o Tribunal Supremo ditara 5 sentencias en contra. Reganosa é unha empresa produto da corrupción política-financeira, supón unha ameaza ao conxunto da poboación que vive na contorna da ría de Ferrol.

2º É lamentable o oportunismo do Presidente Feijóo, que non dubida de utilizar a traxedia que supón a pandemia do Covid-19 e os danos resultantes para as persoas e  a actividade económica, para tentar branquear e lexitimar a Reganosa, unha empresa condenada pola Xustiza por cinco sentenzas do Tribunal Supremo, debido aos incumprimentos de Leis tan importantes como son as relacionadas co medio ambiente e a seguridade cidadá, entre outras. Rechazamos polo tanto, a presenza de Reganosa nesta comisión, pois non ten a lexitimidade legal nin social por estar xudicializada e porque intuímos que o interese de Reganosa, é o poder estar na mesa da toma de decisións para o reparto dos orzamentos que tanto o goberno central como a Unión Europea, están dispoñendo para a recuperación da economía das zonas afectadas pola pandemia.

3º Reganosa, ademais do perigo que supón para a poboación da Ría de Ferrol, ten unha actividade específica de regasificación de gas natural licuado (GNL), un combustible fósil que emite gases de efecto invernadoiro, como son o CO₂ e o metano, polo tanto tampouco pode formar parte da planificación dun futuro enerxético sostible dado que ao ser un combustible fósil non pode descarbonizarse.

4º Un dos incumprimentos de Reganosa refírese á Lei Seveso. Esta Lei é derivada dun accidente grave dunha planta petroquímica na rexión de Lombardia. Este accidente, xunto ao acontecido no Cámping de Les Alfaques de Tarragona, que ocasionaron a morte de centenares de persoas, sabemos agora que fundamentaron a inclusión na redacción da Constitución do “Estado de alarma”, que está evitando nestes momentos que a pandemia se cobre máis vidas, polo que é contraditorio que, precisamente nun estado de alarma, se confíe en quen non ten problema en vulnerar a Lei Seveso.

5º Reganosa ao non ser unha empresa xeradora de postos de traballo e con unha actividade con data de peche non pode encaixar nun plan de recuperación económica sinon todo o contrario xa que é unha empresa que lle costa aos contribuintes deceas de millons de euros ao ano por ser ineficiente e innecesaria, ademáis de ilegal, e que o único ben que lle pode facer a este ría e deixar de operar para a seguridade da xente, a xeración marisqueira da ría e aforros de millóns de euros das arcas públicas.

6º O peche de Reganosa por ser unha empresa ilegal, innecesaria e ineficiente, que vive das subvencións do sector, ao percibir cada ano do erario público decenas de millóns de euros (ten asegurado o 100 % da inversión inicial máis un plus para intereses financeiros), significaría unha posibilidade de recuperación para a nosa comarca, con novos proxectos que crearan máis emprego e trouxeran seguridade. A existencia de Reganosa non impediu ao longo destes anos, que a nosa comarca afondara nunha profunda crise que se vai sumar aos efectos da pandemia.  E por outro lado, resulta ofensivo que Reganosa, desde a súa situación de privilexio, sexa a responsable de organizar o rescate de outras empresas, que nunca vulneraron a lei, non están acusadas de facer parte dunha trama de corrupción e non teñen 5 sentenzas do Tribunal Supremo indicando a súa ilegalidade.

7º Se unha emerxencia como esta provocada polo Covid-19, deixou ao descuberto a debilidade do sistema sanitario para facerlle fronte en canto a escaseza de medios, un accidente en Reganosa tendo en conta o potencial de letalidade que supón os ducias de miles de m³ almacenados, equivalentes a 12 millóns de bombonas de butano; a proximidade dun complexo petroquímico, Forestal do Atlántico, e un estaleiro militar, xunto á concentración de aproximadamente 100.000 persoas que habitan a contorna da Ría, a emerxencia sanitaria diante dun accidente e un case inevitable efecto dominó, sería inabordable.

Ferrol, 19 de abril de 2020