Ás 17,30 horas de hoxe, 23 de xullo, partiron do Parque Carmelo Teixeiro, de Caranza, unhas 300 persoas que seguindo a convocatoria do Comité Cidadán de Emerxencia para Ría de Ferrol, realizaron a II Marcha a Pé a Mugardos.
En tres horas cubriron os aproximadamente 16 km., percorrendo a Avenida do Mar, a Ponte das Pías, Fene, Perlío, Barallobre, Maniños, Franza, A Pedreira, Reganosa, e logo de baixar ao porto de Mugardos, se dirixiron ao Campo dos Carneiros, onde foron recibidos polas veciñas e veciños de Mugardos.
Alí, ante unhas 500 persoas reunidas, e antes de empezar o Festival de Música programado, interviñeron o Coordinador do Comité, Manuel Rodríguez Carballeira e a Presidenta da A.VV. de Mehá, Luz Marina Torrente, reafirmando a vontade deste Comité Cidadán de Emerxencia de continuar esta loita contra a ubicación da Planta de Gas de Reganosa, emprendida hai máis de oito anos, apoiada nas Sentecias dos Tribunais, na razón, e na defensa da vida e do patrimonio laboral , mediambiental, e cultural dos habitantes de Ría de Ferrol.
Tiveron tamén un sentido recordo para Carmelo Teixeiro, Don José Gabeiras e Tino Deibe.
Remataron coa convocatoria dunha nova movilización, o próximo venres 25, ante o Edificio da Xunta, na Praza de España de Ferrol, ás 8 da tarde, para rexeitar a entrada na Ría dun buque cargado de GNL.
A continuación nun ambiente festivo e solidario, estase desenvolvendo a estas horas o Festival a cargo dos grupos : A Revolta, Balakandra, Amacuca, María Manuela e Satán e Coplán.
Agora e sempre : ¡¡ PLANTA DE GAS FORA DA RIA ¡!