Rafael Pillado, membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, fala na ipnaron.tv da Planta de Gas de Reganosa, entre outros temas, políticos e persoais, abordados na entrevista.
.
Rafael Pillado, membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, fala na ipnaron.tv da Planta de Gas de Reganosa, entre outros temas, políticos e persoais, abordados na entrevista.
.
RIA DE FERROL, NO OLLO DO FURACAN. Artigo de Rafael Pillado
Publicado en Diario de Ferrol e Vieiros
O Conselleiro de Medio Ambiente, no seu paso por Ferrol o 27 de Xaneiro, anunciou o seu compromiso coa Ría declarándoa “zona sensible”. Sinalando ademáis, que a “bocana da Ría é moi estreita e os riscos da deteriorización das augas son maiores”. Engadía que a partires do ano 2009 poñerá en marcha “un plan de controis de verquidos, inspección e análise da Ría, que pretende diagnosticar os pequenos verquidos que poderían escaparse ós controles de maior envergadura”.
En outras circunstancias, poderíamos considerar esas declaracións como un paso positivo. Sen embargo, e paralelamente a esas declaracións, dous días despois, o 29 o Diario Oficial de Galicia recollía o anuncio de Reganosa para licitar a ampliación de capacidade de regasificación, multiplicando por dous e medio a actual capacidade.
Tal decisión supón varios e graves problemas:
1º.- Si a situación actual é de degradación, na que se utilizan 300.000 toneladas diarias de auga da Ría para quentar o gas, e que volve ó mar moito máis fria, esterilizada e contaminada de cloro, con esa ampliación, pasaría a 600.000 toneladas por día.
2º.- O número de gaseiros que entrarían na Ría, pasarían dos actuales 36 o ano, a máis de 100, o que multiplicaría os riscos para toda a poboación. E ninguén sabe que licencia e que tramitación medioambiental se fixo para que se autorice esa ampliación, nin tampouco se sabe cal foi a postura dos Conselleiros de Medio Ambiente e Pesca nesa decisión.
3º.- Por outra banda, en clara contradición coas declaracións feitas, esa Consellería otorgou a Forestal do Atlántico a Autorización Ambiental Integrada, rexeitando as alegacións de varias asociacións que mostraban os datos fraudulentos aportados pola Empresa. De tal xeito que se autorizou verter á Ría 351.475 toneladas diarias de augas residuais. E vexamos ademáis que, o proxecto de depuración da banda sur da Ría, que recorre dende Fene a Ares, deixa á marxe os verquidos de Forestal e Reganosa, que van sin depurar ó mar.
E aínda máis, o Presidente da Xunta, Sr. Touriño, o día 30 de Xaneiro anunciou que “Antes do remate da próxima lexislatura, nos anos 2011-2012, estarán saneadas as rías na súa totalidade”.
Artigo publicado hoxe, 30 de maio, no Diario de Ferrol :
ALTO Á AGRESIÓN. ¡BASTA XA!
Aparecía estes días a noticia de que a Empresa Nacional de Celulosas (ENCE) podería instalarse nos portos de A Coruña ou Ferrol. Diante de esa información, o Alcalde d’A Coruña respostaba con contundencia: “Lo voy a tomar como una broma”. “Ni A Coruña ni el puerto de Ferrol” son emprazamientos viables. Mentres, o Alcalde de Ferrol se limitou a sinalar que era un “error”. Parecía expresarse máis como Presidente de Portos de Galicia que como Alcalde da Cidade. Non escoitamos a voz de ningún outro alcalde da comarca.
Pola súa parte, o Vicepresidente da Xunta manifestou que “estas cousas hai que traballalas en silencio e con eficacia…”. ¿Como fixo Reganosa? ¿Como se non houbera que contar cos cidadáns?
Pero a noticia xa non é nova. Vexamos o que no 1997 se escribía: “A idea de sacrificar unha ría, concentrando nela ás industrias das cales a súa viabilidade implique unha certa degradación ambiental sería unha decisión de ordenación do territorio a gran escala… ”
“De feito, nos últimos anos as únicas grandes industrias instaladas ou en proxecto na zona costeira de Galicia son instalacións de alto impacto ambiental: o complexo Alúmina-Aluminio de San Cibrao, a incineradora de residuos, as dúas fábricas de pasta de papel proxectadas nas Pontes e Ferrol, etc.”
“En canto ás posibles zonas candidatas para un uso eminentemente industrial, parece obvio que a ría de Ferrol é a que reúne máis características idóneas… ”.
O autor do libro “Elementos para unha ordenación integral dos usos de medio litoral de Galicia” é Ernesto Penas, con prólogo do ex Conselleiro de Pesca, Sr. Landín da Xunta de Fraga. ¡Habían decidido sacrificar unha ría, a nosa!
Tal e como actúa a Xunta hoxe, parece incrible entender que eses textos non foran pactados entre aquel goberno e a oposición, porque se está a seguir o guión trazado. Esa é a base da instalación da planta de Reganosa, na que a Xunta do PSOE e BNG segue a orientación do PP.
Pero no noso caso, o perigo real xa é a Planta de Gas, unha bomba. Perigo para a vida e para a Ría, e agora pretenden ir máis aló, multiplicando por dúas veces e medio a súa capacidade regasificadora, multiplicando á súa vez os millóns de toneladas de auga que retornaría morta e máis fría. E o número de gaseiros que entraría no seu interior, que podería pasar dunhos corenta a máis de cen.
Súmase, ademais, ese transporte de gas en camións, que faría das estradas outro lugar perigoso. E aínda máis, a pretensión da Autoridade Portuaria de dinamitar os fondos do canal da Ría, coa escusa de facilitar a entrada de gaseiros, cando xa existe un porto exterior, e sabendo que en ningún caso se pode cumprir a norma pola cal os gaseiros teñen que saír con toda urxencia nunha situación de emerxencia.
Unhas e outras ameazas, e a existencia dun perigo permanente por parte de Reganosa, fan que o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, inicie un calendario de mobilizacións comarcais, seguindo o próximo 8 de xuño coa manifestación na defensa da Ría e para esixir: “Planta de Gas fóra da Ría”.
Non debemos esquecer que, se agora pretenden trasladar a ENCE de Pontevedra, é porque os seus cidadáns levan anos pelexando para conseguilo. ¡E teñen razón! As consecuencias de aquela instalación están a vista, indo a Pontevedra, visitando a ría, falando cos mariscadores, e respirando aquel cheiro infernal.
Basta xa de agresións, defendamos a vida, a ría e a cantos de ela viven. Mobilizarnos é unha obriga moral e de supervivencia.
…………..
* Rafael Pillado Lista, é Vicepresidente da Asociación Cultural “Fuco Buxán” e membro desde hai oito anos do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.