Posted tagged ‘Tuy’

O CCE SOLIDARÍZASE COAS VÍTIMAS DE TUI

Maio 24, 2018

Onte en Tui explotou un almacén pirotécnico clandestino causando unha vítima mortal, catro desaparecidos e varias decenas de feridos, así como a destrución de moitas vivendas, numerosísimos danos materiais en edificios, instalacións e automóbiles nun amplo radio, mesmo a quilómetros do lugar do sinistro, o desaloxo de centos de persoas e o sobresalto de decenas de miles.

Este Comité Cidadán de Emerxencia solidarízase con todas as persoas afectadas e desexa a súa pronta recuperación.

Os veciños desa industria perigosa e ilegal levaban moitos anos sinalando o risco e loitando a través de protestas e procesos xudiciais sen que as Administracións atendesen as súas demandas. Administracións que agora se doen e prometen axudar pero que non restituirán as vidas, a saúde, o patrimonio, nin evitarán a dor, para sempre, de tanta xente afectada por unha desgraza que se puido evitar.

Este CCE sabe moi ben o que é vivir á beira dunha ameaza permanente – a Planta de Gas de Reganosa no interior da nosa Ría e o ilegal tráfico de gaseros que a fornecen – mil veces denunciada, publica e xudicialmente, pero que se mantén coa complicidade das Administracións a pesar das sentenzas dos tribunais, sendo ademais de perigosa, innecesaria e contaminante e que sobrevive só para xustificar o pelotazo económico dos seus promotores a conta dos Orzamentos Xerais do Estado que a cidadanía pagamos.

Algún día, como en Tui, seremos vítimas dun terrible accidente, de proporcións inimaxinables, que borrará do mapa a comarca de Ferrolterra. Entón, tamén virán as administracións a solidarizarse cos que queden e a prometer recuperacións.

PLANTA DE GAS: PECHE XÁ !

Advertisements