Posted tagged ‘Valedor do Pobo’

Petición do CCE ao Valedor do Pobo

Marzo 31, 2011

 Extracto do escrito que o CCE dirixe ao Valedor do Pobo:

Na noite do 19 de Abril de 2010 tivo lugar un incendio no complexo petroquímico de Forestal del Atlántico (Punta Promontorio –Concello de Mugardos) a 200 m da Planta de gas de Reganosa no interior da Ría de Ferrol, no mesmo momento no que se procedía a descarga de 58.372 Tons de GNL polo gaseiro “Madrid Spirit”. Esta situación foi de máximo perigo para todos os que vivimos na contorna da Ría, debido ao efecto dominó que puido ocasionar unha explosión nos depósitos de Forestal del Atlántico. Os bombeiros de Ferrol conseguiron controlar o incendio despois de dúas horas de traballo. A pesar do ocorrido non se activou o Plan de Emerxencia de Forestal, nin o de Reganosa.

Ningún organismo público (Dirección Xeral de Protección Civil, Concello etc..) alertou a poboación nin se pronunciou ao respecto.

Estes sucesos leváronos a dirixirnos ao Director Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia mediante escrito (4 de Maio de 2010) solicitando as oportunas aclaracións dos feitos. A xuntanza, entre representantes da Plataforma de veciños de Mehá, membros do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ria de Ferrol co Director Xeral de Emerxencias e Interior (Antonio Villanueva Álvarez) e o Subdirector (Roberto Suárez Vázquez) tivo lugar o 4 de Xuño de 2010, nela o Director comprometeuse a entregar toda a documentación relativa ao procedemento de avaliación do incidente recollido no protocolo do Plan de Emerxencia Exterior de Forestal, así como tamén a implementar simulacros de emerxencia entre a poboación, ao que están obrigados, e que non fixeron ate agora.

A pesares do tempo transcorrido, e de sendos escritos enviados pola Asociación (17/Xuño/2010 e 19/Outubro/2010) solicitando a devandita documentación, o certo é que a mesma non nos foi entregado nin os plans de emerxencia implementados e actualizados cada 3 anos como esixe o RD 1196/2003 Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves.

Por todo elo , Solicitamos a intervención de Vostede para obter da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia a devandita documentación e que os nosos dereitos a información e a protección sexan respectados.

En Ferrol a 28 de Marzo de 2011

Ler Escrito completo e anexos

(máis…)

Comunicado do CCE: Os perigos de Reganosa

Marzo 29, 2011

 

Onte 28 de marzo, fixo a súa entrada na Ría, de xeito ilegal, o “Catalunya Spirit”, cargado de GNL, a través dunha canle de 4,5 Km. e 150 m. de ancho navegable, con 6 cambios de rumo.

Ilegal, xa que os gaseiros cargados non poden cumplir a normativa de navegabilidade, no caso dunha emerxencia, dadas as condicións da Ría de Ferrol.

O tráfico dos gaseiros e a ubicación da Planta de Reganosa – ilegal e innecesaria – supón un risco permanente para a vida dos milleiros de persoas que habitan a súa contorna.

Unha planta que alberga 150.000 Tons. de GNL e está situada ao carón do Complexo “Forestal del Atlántico” con máis de 280.000 Tons. de combustibles e produtos químicos, ubicado todo elo a poucos metros das vivendas da veciñanza.

Un accidente fortuito nesas instalacións, unha catástrofe natural ou un acto terrorista (as Plantas de Gas son obxetivo prioritario de Al Qaeda), causarían unha traxedia irreparable nesta comarca.

Lembremos que no accidente dos Alfaques (1978), un camión-cisterna con 25 Tons. de gas líquido (propileno) matou a 243 persoas. Reganosa equivale a 6.000 camións ou 12.000.000 de bombonas.

Agora mesmo en Xapón, logo do terremoto e o tsunami, están a sofrir o desastre nuclear, con efectos impredecibles que afectarán non só os xaponeses. E esto ocurre despois de moitos anos desprezando ou silenciando as opinións de persoas sensatas que advertían dos peligros, pero o beneficio económico das empresas enerxéticas – igual que acontece con Reganosa – foron considerados máis importantes que a seguridade das persoas.

Aquí, a Dirección Xeral de Emerxencia da Xunta de Galicia, segundo un medio de comunicación, vai a completar o Plan de Emerxencia de Reganosa, catro anos despois da entrada en funcionamento da Planta. Esto da a medida da insensatez de quen, desde a administración pública, debería velar pola seguridade da cidadanía e non supeditala aos intereses dos promotores.

Nos vindeiros días o CCE vaise dirixir ao Valedor do Pobo para que lle sexa entregada a documentación requerida á Xunta – e todavía non recibida – logo do incendio ocorrido no mes de abril do 2010.

Exiximos, unha vez máis, anticipándonos a un accidente irreparable, o desmantelamento da Planta e a reapertura do gasoducto de Tui, bloqueado para beneficio dos promotores de Reganosa.

Ferrol, 29 de marzo 2011

 Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

 ÁLBUM FOTOGRÁFICO DA PROTESTA DE ONTE