Posted tagged ‘yolanda Díaz’

SUSTENTABILIDAD. Yolanda Díaz

Xuño 6, 2010

Diante do día do medio ambiente non me resisto a afirmar  o antagonismo entre as formacións económicas e sociais capitalistas e a preservación do medio físico que alberga a vida.  En Galicia e no planeta a realidade de depredación e cobiza capitalistas produce a perda dos hábitats naturais, a diminución da biodiversidade, as diversas contaminacións que firen a saúde pública, o desartellamento territorial que supón inzar de urbanizacións ou negocios o que teñen que ser espazos para o lecer e a vida sustentable. O PP agora con toda a determinación  e o bipartito antes, coa súa aceptación da lóxica produtivista do capital, mancan a riqueza e fermosura da nosa terra. Entón como agora seguimos a padecer os riscos  da planta de gas de Reganosa, a falla de depuración das nosas rías, as operacións especulativas como a do Salgueirón no Morrazo,  o incumprimento de sentenzas xudiciais firmes co ferrazo en Vilagarcía ou os recheos en Marín, ou as agresións que do Caurel a Touriñán priorizan facer cartos para uns poucos depredando e desprezando os intereses xerais da cidadanía. Sen directrices de ordenación territorial se aproban plans parciais na acuicultura  e no  litoral, ou se modifica pro domo sua a legalidade urbanística para sancionar unha praxe de feitos consumados ao servizo dos intereses capitalistas, sen que as forzas políticas do Hórreo fagan outra cousa que  turnarse nese desgoberno da cousa pública.  Cómpre erguer unha alternativa política e social quen de producir unha política distinta, outra, sustentable, de esquerdas.

(*) Yolanda Díaz é portavoz de EU

Artigo publicado no “Diario de Ferrol”. O suliñado é noso,

UNHA BOMBA NA RÍA artigo de Yolanda Díaz

Xullo 18, 2009

Pódense pechar os ollos e confiar en que non vaia pasar nada ao modo en que os nenos deixan de mirar cando semella haber perigo, pódese deixar especular a grupos económicos privados coa seguridade das persoas que vivimos ao carón da ría, pódese tolerar en nome de intereses bastardos o constante tráfico ilegal de buques cargados con cincuenta ou sesenta mil toneladas de gas natural ( 24 mortos no accidente ferroviario que transportaba gas natural, apenas 36 tm., na localidade italiana de Viareggio ), pódese un render as sereas que cantan a tiranía dos feitos consumados, mais unha racionalidade crítica á hora de defender a seguridade e o benestar das persoas ten que teimar na denuncia e o traballo para derrotar a bomba que seguimos a ter na ría, a planta de gas de Reganosa. Esta loita non é unha causa perdida. Esquerda Unida estivo, está e estará até que se peche a planta de gas que nos ameaza co seu emprazamento. EU está ao carón de máis de 60 colectivos, de milleiros de persoas críticas, lúcidas. En Vilagarcía os tribunais veñen de dar a razón as organizacións que defendiamos que había que desmantelar os depósitos de hidrocarburos de ferrazo. En Ferrol se continuamos na loita o conseguiremos tamén. Cadea nesta loita a III Marcha a Mugardos que terá lugar o vindeiro xoves, día 23, con saída dende Caranza, do parque do noso querido Carmelo Teixeiro, ás cinco da tarde. E en Mugardos, as nove da noite xuntarémonos no Parque dos Carneiros, nunha celebración lúdica e reivindicativa. Planta de gas fóra da ría !

(*) YOLANDA DÍAZ É PORTAVOZ DO GRUPO MUNICIPALDE IU

Artigo publicado no “Diario de Ferrol” – opinión , 18.07.2009