Cada gaseiro na nosa Ría : ¡¡ mobilización!!

Onte, martes 24 de xuño, ao redor dun centenar de persoas acudiron á convocatoria do CCE, coincidindo coa entrada na Ría do “LNG Bonny”, que fai o número 23 dos buques que cargados de gas natural licuado, como verdadeiras bombas flotantes, ameazan as nosas vidas co seu tránsito ao pe das nosas casas, para abastecer unha Planta de Gas – REGANOSA – ubicada de forma ilegal e tremendamente perigosa no interior da nosa ría, cuxa situación obedece aos intereses especulativos dun grupo financeiro privado e á negligencia e irresponsabilidade das Autoridades in-competentes.

Os cidadáns e cidadás, que coa entrada de cada buque, mobilízanse, estano a facer en defensa da vida de cantas persoas viven na contorna e baixo a ameaza constante da Planta de Gas, en defensa da legalidade e en defensa da riqueza mediambiental, laboral e cultural de nosa Ría.

Trala concentración ante o Edificio da Xunta de Galicia, percorreron en manifestación as rúas do centro da cidade, para rematar ante o Concello, onde o Coordinador do CEE, Manuel Rodríguez Carballeira repasou na súa intervención os últimos acontecementos:

  • A terceira sentenza favorable do TSXG que invalida a recalificación dos terreos, realizada polo Concello de Mugardos, para o asentamiento de Reganosa, e por conseguinte todas as licenzas posteriormente outorgadas.
  • A petición por escrito á Xunta de Galicia para que retire os recursos presentados ante o Tribunal Supremo sobre estas sentenzas do Primeiro Organo Xudicial de Galicia. Recursos que só pretenden beneficiar a Reganosa.
  • A admisión a trámite polo TSJM das probas presentadas noutro contencioso iniciado polas Asociacións do CCE, contra a Autorización Administrativa Previa..
  • Fixo unha reflexión sobre cantos quilómetros habería que desaloxar caso de accidente nun gaseiro con carga de 60.000 Toneladas, se para o camión cisterna de Benidorm, (20 T.) evacuaron un radio de 1 km. O Plan de Emerxencia de 400 metros está claro que non abonda…..
  • Lembrou a convocatoria da “II marcha a pe a Mugardos” que terá lugar o vindeiro 23 de Xullo, aniversario do peche da veciñanza de Meá no Concello de Mugardos, peche que mantiveron desde esa data ate o 10 de novembro do pasado ano.
  • Resaltou a importancia de mobilizarse, cada vez que entre un buque, para sinalar deste xeito o perigo constante a que a poboación de ferrolterra vese sometida e a necesidade de que todos: cidadanía, institucións e autoridades poñamos fin a este disparate antes de que unha traxedia fágao por nós.
Explore posts in the same categories: Noticias / Novas

Etiquetas: , , ,

You can comment below, or link to this permanent URL from your own site.

Deixar un comentario